«O meu mar», exposición de escultura e pintura de Viki Rivadulla



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Moitas persoas adoitan coñecer a Viki Rivadulla polo seu incansable labor como Técnica de Cultura do Concello de Muxía, sen ir máis lonxe non hai moito tempo que falamos aquí dunha fermosa idea súa, o denominado «Proxecto Buserana», que leva como subtítulo «Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial». Angueiras culturais ás que cómpre engadir a secretaría da Fundación López Abente.
Haberá tamén que a coñeza de vello polo seu labor de artesanía, mais moita menos xente sabe do seu labor como escultora e pintora, xa que facía unha década que non presentaba unha mostra individual.
Baixo o título de «O meu mar», que “rouba” do que eu considero o mellor poema de Gonzalo López Abente, mañá, xoves, 28 de febreiro, ás 20:30 horas, vai inaugurar unha exposición na Sala do Andar 1 do Pazo da Cultura de Carballo. Alén do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, estará acompañada de poetas, nas voces de Suso Bahamonde, Rosalía Fernández Rial, X. H. Rivadulla Corcón, Paco de Tano e eu propio.
«O meu mar»
Unha nube de chumbo a tapar todo o ceu;
borraxeira e orballo que revoan no ar;
os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,
espallando queixumes con dorido fungar;
os montes envolveitos na brétema sotil;
e as bocas desdentadas das furnas no cantil.
Escumas, ardentías,
atruxante balbor,
e, cal apocalípticas porfías
de cíclopes, vestiglos e xigantes
das vellas e varís mitoloxías,
os ecos trepidantes
do líquido elemento bruador.
¡O mar!
¡O meu mar!
¡O mar que eu vexo,
nestes días de inverno,
gris, abalante,
inquedo, forte e rexo,
a cólera a roubar do fondo do averno
e a bater nas orelas, escumante
de rabia e de furore, nun épico loitar!
Este mar que derruba coas paredes das hortas,
desfaise contra os cons e sobe polos cabos;
que corre polas rúas ribeiranas e tortas
antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.
Este mar belicoso que a costa brava asedia,
que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza
e en escumas de prata no cantil as destrenza…
é o gran creadore dunha eterna traxedia.

Esta entrada foi publicada en Arte, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.