O lobo, unha carreira pola supervivencia


(Foto tirada da espléndida reportaxe sobre o lobo da páxina ríos-galegos)
A asociación ecoloxista ADEGA levou até Lisboa, na Sala de Exposicións “Leocadia Boullosa” do Centro Galego, a exposición itinerante internacional “O lobo, unha carreira pola supervivencia” que no pasado xa percorrera varias localidades galegas. Esta mostra conta cun blogue propio, do que reproducimos o texto de presentación:
O lobo compañeiro que viaxa con nós
O lobo indómito, que non admite cancelas
O lobo, sanitario, que libra o monte de cadáveres
O lobo conflitivo, que ataca animais domésticos cando non ten presas selvaxes
O lobo, derradeiro depredador que nos queda
O lobo, símbolo na nosa cultura
O lobo, personaxe dos nosos soños
O lobo, ameazado polo noso progreso sen límites
Esta exposición trata de facer un chamamento para garantir a conservación do lobo e os seus hábitats, xa que son varias e moi importantes as ameazas que se cernen sobre a especie e o noso medio natural.
Depende de toda a sociedade que conservemos a nosa aínda rica biodiversidade, que evitemos máis deterioro da natureza que herdamos e que restauremos, na medida do posible, a que estragamos.
Artistas, e intelectuais responderon xenerosamente, como sempre, e achegaron os seus traballos solidarios coa terra e os seus moradores. Artistas de Galiza e Portugal participantes na exposición:
PINTURA , FOTOGRAFÍA E ESCULTURA
Aormos; Manuel Nieto; Deli Sánchez; Maria Rascão; Sabela Baña; Maria José Casal; Celia Pía; Sol Guerra; Rosa Seoane; Paulo Diogo; Víctor Costa; Paulo Manata Fixe; Sabela Rial; Sousa Varela; Yasmine; Conceição Ruivo; Nolo Suárez; Alfredo Cónstela; María Braxe; Lupe García; Ana Martinez; Matilde Allones; María Thomas; Estrela Rúa; Miguel Anxo Alvarellos; Xosé Lois; Noemí Iglesias; Carlos Silvar; Manuel Bonabal; María Julia Jiméne; A. Robles; Nacho Baamonde; Virxilio Viéitez; Santiago Vaz; Francisco Lacerda; Gonzalo Mexia; Teresa Frazão; Mafalda d’Eça; Dina de Sousa Fernández; Hugo Malainho Garcia; Ana Rua; Filipe Amaral; Xosé Salvadores; Manel Sánchez; Manuel Pedrosa; Marian Mariño; Miguel Agulló; Pedro Alonso; Alberte sr; Ramsés Pérez e Andrés Segade.
TEXTOS LITERARIOS
Marta Dacosta; Teresa Moure; Marilar Aleixandre; Lois Diéguez; Antón Cortizas; Alberte Momán; Helena Villar; Maria do Cebreiro; Antón Riveiro Coello; Francisco Brives; Consuelo Suárez Muíños; Luz Pichel; Joaquim Ventura; Tono Núñez; Estíbaliz Espinosa; Xoán Carlos Domínguez Alberte; Concha Blanco; Xosé Miranda; Adela Figueroa; Rosa Enríquez; Moncho Caride; María Canosa; Xosé Manuel Lobato; Xoán Neira; Óscar Souto; Miro Villar; Lucía Vilches Noya; Marcos Seixo e Xavier Seoane.
En efecto, tal e como se sinala, permitín a reprodución dun soneto que está incluído no meu primeiro libro Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), no que poetizo o medo e o respecto ao lobo que aprendemos na infancia e que a min persoalmente aínda me conturba, malia a diferente ollada que na mocidade aprendín nos documentais de Félix Rodríguez de la Fuente.
Velaquí ese poema que tamén xoga coa toponimia dos montes da Ruña, do Faro Cee (ou C, como din os de Corcubión, sen fundamento histórico ningún) e das Illas Lobeiras, nome que segundo Felipe Senén tampouco ten a ver cos lobos mariños senón con “luparias” ou “lapidarias”, isto é, de pedra.
VIII
Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña
do amor louco no entorno dun mínimo deserto
que escoitamos na noite cantos de desconcerto
a ecoar lonxe na serra, nos penedos da Ruña.
E fumos temerosos dun medo que rabuña
interrompendo os beixos coa dúbida do incerto
de coñecer se a lenda puidese ter de certo
que os lobos descenderan como a xente supuña.
E na nosa incerteza non tivemos de conta
da fronteira das augas para coutar o medo
protexidos por ondas e cons de afiado gume.
Mais a nosa cegueira mudou logo en luz pronta
descubrindo que os urros proviñan do rochedo
no que faro Cee ronxe para as naos dende o cume.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Exposicións, Fotografía, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.