«O libro de López Abente é un acontecemento moi importante para a literatura galega»


(Foto de Xesús Búa, La Voz de Galicia)
Santiago Garrido realizoume unha breve entrevista por teléfono que hoxe publica a edición comarcal de La Voz de Galicia. Tan só engadir que o escritor que non cita a noticia e que atopou o mecanoscrito na RAG é Ernesto Vázquez Souza, Doutor en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña. E falloume a memoria porque a data exacta da publicación de Centileos nas ondas é 1958. Reproduzo aquí a entrevista.
«O libro de López Abente é un acontecemento moi importante para a literatura galega»
O vindeiro sábado presentarase no Salón do Voluntariado de Muxía Bretemada, un inédito de cen poemas.
O Salón do Voluntariado de Muxía acollerá o vindeiro sábado (20.00 horas, aberto ao público) o poemario inédito Bretemada 1917-1922, coeditado por Alvarellos Editora e a Fundación López Abente. O poeta ceense Miro Villar, excelente coñecedor da obra do poeta muxián (1878-1963), é o introdutor da obra, que estaba agochada -máis ben, perdida e esquencida- entre os fondos da Academia Galega.
-¿É importante este achádego?
-Si o é, coincido co que dixo o presidente da Academia, no senso de que este libro de Abente é un acontecemento moi importante para a literatura galega. Aparece un inédito que, ademais, non é algo pequeno ou espallado, trátase dun libro enteiro.
-¿Sabíase del?
-É un libro do que Abente fala en ocasións, cando por exemplo publica textos en revistas da Arxentina nos que se indica que existía Bretemada. Pero ninguén sabía da súa existencia. O escritor Otero Pedrayo chega a pensar que se trataba do primeiro título da obra Centileos nas ondas, publicada a principios dos anos sesenta, pero non é así, ningún deses textos está presente neste libro. É por tanto unha obra inédita.
-¿E por que é así?
-Non sabemos as razóns polas que quedou así, non se explica. O que sabemos agora é que un escritor da Universidade da Coruña atopou o manuscrito, chegou a min e agora publícase. Pasou como c’Os Eoas de Pondal, que tamén se atopaba nos fondos da Academia e ninguén sabía nada. E iso que se trata dun libro dunha longa produción, entre o ano 1917 e 1922.
-¿Que pensa vostede?
-Só podemos facer conxeturas. Eu penso, sospeito, de que como no momento no que o ía publicar comezou a ditadura de Primo de Rivera, se cadra decidiu non facelo, polo contido. Pero é unha posibilidade.
-¿Haberá máis inéditos de Abente?
-Pode ser, pero tamén é difícil de saber. Debería aparecer aínda máis, si, pero pode que cando en Muxía se adquriu a casa que foi del, cos cambio se perdesen bastantes cousas. Hai quen o pensa así.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.