O Fado, Patrimonio Inmaterial da Humanidade


A nova de que o fado xa é Patrimonio Inmaterial da Humanidade é magnífica. Sucedeu antonte, 27 de novembro, e na mesma sesión a UNESCO tamén recoñeceu a outras catro músicas do mundo: o Mibu no Hana Taue, ritual do transplante do arroz en Mibu, Hiroshima (Xapón); o Sada Shin Noh, conxunto de danzas sagradas do Santuario de Sada, Shimane (Xapón); o balafón das comunidades senufo de Malí e Burkina Faso e o mariachi mexicano. Souben da nova sobre o fado no diario portugués Público, do que saliento este parágrafo: «A partir de agora, o fado não é apenas a canção de Portugal, a canção de Severa, Marceneiro, Amália, Carlos do Carmo, Camané, Ana Moura e Carminho – é um tesouro do mundo. Um tesouro que fala de Portugal, da sua cultura, da sua língua, dos seus poetas, mas que também tem muito de universal nos sentimentos que evoca: a dor, o ciúme, a solidão, o amor».
Desde que hai anos cheguei a ela apráceme moitísimo esta música, máis o fado lisboeta do que o fado de Coimbra, moito máis clásico e máis austero. Inicieime na voz de Amália Rodrigues e Carlos do Carmo, mais tamén me apracen fadistas tan diferentes como Dulce Pontes (a quen puiden escoitar dúas veces ao vivo en Compostela), Mísia ou Mariza (ambas e dúas tamén ao vivo) ou Ana Moura ou Cristina Branco, por citarmos algunhas voces senlleiras. Tamén escoitei fados de voces descoñecidas en Lisboa, en Porto e en Coimbra, aquí na Casa de Fados A Capella. Unha boa testemuña do meu aprezo por esta música son as pegadas que deixou na miña poesía. De feito, estaba moi presente nos diálogos intertextuais do meu primeiro libro de poemas, un sonetario publicado co título de Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992). Na terceira parte intitulada “De ti e dos soños”, o décimo soneto que a pecha rende homenaxe a Amália Rodrigues.
X
Viaxei ao retirado fin último da terra,
visitei o santuario no pé do acantilado,
pola auga dos teus ollos continuaba salgado
daquela dor inmensa que a min ben se me aferra.
Vencín as asperezas dos montes e da serra,
cheguei mesmo ao mar verde por amar de contado
o teu corpo albo espido coa música dun fado
cantado por Amália no tempo da posguerra.
E vin o teu recordo morrer entre penedos
non sendo moi lixeiro no rescate do rostro
e facéndome o xordo diante dos berros mudos
que nos nós do cerebro meu daban brincos quedos.
Fun inmóbil testigo de ver medrar un costro
na pel, e despois logo cabelos sen veludos.

Esta entrada foi publicada en Arte, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “O Fado, Patrimonio Inmaterial da Humanidade

  1. Pingback: As crebas » «Mariza: a mais popular das vozes portuguesas»

Os comentarios están pechados.