O día da matanza (Touriñán, 1928) de Ramón Caamaño


(O día da matanza, Touriñán, 1928. © Centro de Estudos Fotográficos de Vigo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Capítulo cero, un menú de degustación da vida, a sobranceira bitácora de Manuel Gago (mellor blog e blogger de Santiago de Compostela e comarca  en 2009 nos
premios do semanario Santiago 7), publica na súa sección «Fotografías que son novelas» unha imaxe do muxián Ramón Caamaño Bentín (Muxía, 1908-2007). Precisamente o 13 de maio facíase o seu quinto cabodano.
A imaxe non é descoñecida, pois coma nos lembrou Viki Rivadulla, está incluída en Ramón Caamaño. Álbum, que editou o Centro de Estudos Fotográficos de Vigo en 1989, un volume ao coidado de Manuel Sendón e de Xosé Luís Suárez Canal. Nas páxinas deste magnífico volume aparece coa seguinte nota a rodapé «o día da matanza / pig-killing day – Touriñán 1928», datos que lle foron fornecidos en vida polo propio fotógrafo muxián, quen representa coma ninguén a ollada do último século na Costa da Morte.
Ramón Caamaño, a quen visitei varias veces na súa casa-estudo de Corcubión, na rúa Perigos, onde se amoreaban centos e centos de fotografías (nas que descubrín unha imaxe do meu propio pai coa camisola do Unión Club Cee), no exemplar que posúo da devandita publicación do CEF de Vigo escribiu con trazo tremoroso de coidada caligrafía «Dedica a Miro Villar de Cée el día de la clausura de la Exposición en Corcubión, con gran afecto y simpatía. El fotógrafo muxián, Ramón Caamaño Bentín. Corcubión, 19 de Septiembre de 1990».

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.