«O bico» de Robert Doisneau e uns poemas


(Robert Doisneau: Kiss by the Hotel de Ville, 1950 © Estate of Robert Doisneau. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
«As marabillas da vida cotiá son tan emocionantes. Ningún director de cinema pode organizar o inesperado que podes atopar na rúa», son palabras que se lle atribúen ao fotógrafo francés Robert Doisneau (Gentilly, 14 de abril do 1912 – Montrouge, 1 de abril do 1994), de quen hoxe conmemoramos o centenario. Seica está considerado un dos mellores representantes da fotografía humanista, con milleiros de imaxes de interese documentario, moitas delas recollidas no seu museo Maison de la Photographie Robert Doisneau (1, rue de la division du Général Leclerc 94250 Gentilly). Porén, non hai dúbida de que a súa foto máis coñecida é Le Baiser de l’hôtel de ville («O bico do hotel da cidade»), da que moito se ten falado, como aquí, e que a min aínda me trae recordos dun tempo pasado no que escribín unha serie de poemas parisinos, breves por seren haikus, que fan parte do epílogo do meu libro de versos viaxeiros intitulado Breizh e aínda inédito. Velaquí a serie:
(EPÍLOGO)
ÚLTIMO TANGO EN PARÍS
1
LA TOUR EIFFEL (I)
Fin da palabra
e unha interrogación
que pecha o ceo.
2
LA TOUR EIFFEL (II)
Corpo metálico
que no frío do inverno
encolle a dor.
3
LA RIVIÈRE DU SEINE (I)
A man covarde
e o devalo dos signos
que arden no mar.
4
LA RIVIÉRE DU SEINE (II)
Tocas o triste
tango de Astor Piazzolla.
Melancolía.

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a «O bico» de Robert Doisneau e uns poemas

  1. viaxeirazul di:

    sí son fermosos eses haikus, intensos e emocionantes. A min Paris lémbrame a unha viaxe que fixen hai moitos anos cando estiven de Erasmus, foi unha experiencia marabillosa, breve pero emocionante! Por certo Doisneau ten fotos moitos máis suxerentes e interesantes, aínda que esta en concreto é moi característica. Tamén deberías ver fotos de Emil Schildt, Jan Saudek,Zoe Wiseman,ou Gutter Brassäi, entre outros. O mundo da fotografía é máxico e infinito , ademais de moi inspirador á hora de escribir.
    saúdos 🙂

Os comentarios están pechados.