O arquivo da Academia comparte a poesía póstuma de López Abente, no 142 natalicio do poeta


(Retrato de López Abente. Fonte: Arquivo RAG)

O longo proceso, de anos, de pescuda para a elaboración da edición literaria da Poesía Completa, de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), levoume tamén aos arquivos da Real Academia Galega, en tempos menos propicios para os fondos desta institución e que puiden consultar ás veces con demasiadas dificultades.

O proceso de modernización levado na entidade nos últimos anos propicia que, hoxe, no 142 aniversario do nacemento do poeta Gonzalo López Abente, a RAG faga pública a dixitalización e difusión dos documentos relativos ao poeta e á súa obra, a través do Arquivo Dixital de Galicia. Unha nova que reproduzo deseguida, que me enche de satisfacción e que é de interese para as persoas amantes da literatura. Mágoa que veña a se producir nun momento no que a Fundación López Abente semella estar ferida de morte.

O arquivo da Academia comparte a poesía póstuma de López Abente

24/03/20| Actualidade

Tal día coma hoxe, o 24 de marzo de 1878, nacía en Muxía Gonzalo López Abente. O escritor participou no movemento de renovación da literatura galega promovido polas Irmandades da Fala con novelas como O diputado por Veiramar (1919) ou a obra de teatro María Rosa (1921) –estreada polo Cadro de Declamación das Irmandades da Coruña–, mais na súa obra sobresaen os versos que, en palabras de Vicente Risco, o converteron no mellor poeta do mar. A Real Academia Galega conserva unha boa mostra dun universo creativo que sempre tivo como epicentro a Costa da Morte, unha serie de textos autógrafos que permaneceron inéditos ata despois do pasamento do autor. A institución acaba de completar a dixitalización deste fondo documental, dispoñible na Rede a través do Arquivo Dixital de Galicia.

“[Gonzalo López Abente] foi sempre un namorado dos silencios de Muxía, dos poentes enxergados dende a soleira da Nosa Señora, dos calmos paseares polas praias e costas e as terras que a ilas deitan pautadas por os ríos calados. A xeografía poética de López Abente alóngase pouco, afonda moito e tén a Muxía por síntesis, chave e rosa”, despedíao Ramón Otero Pedrayo na necrolóxica publicada no Boletín da Real Academia Galega tras a súa morte en 1963. Proba deste retrato son os manuscritos do autor conservados na RAG, cuxo valor especial radica na súa natureza inédita. De feito, a partir deles fixéronse dúas das edicións póstumas de López Abente.

Co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedicou, a Academia editou en 1971 o poemario Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca, quince composicións dedicadas á virxe muxiá que Gonzalo López Abente lle entregara ao académico e daquela presidente da institución, Sebastián Martínez-Risco, en 1960. Catro décadas despois sairía do prelo Bretemada, unha edición ao coidado de Miro Villar que reproduce cen poemas escritos entre 1917 e 1922. O fondo documental do creador de Muxía na RAG inclúe tamén outros poemas que foron igualmente dixitalizados, completando así o traballo previo de catalogación e descrición desenvolvido polo arquivo.

(Fragmento do manuscrito do poema “A oferta”, de Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Fonte: Arquivo da RAG)

A TEMPESTADE
(…)
A rexa tempestade, o vento fero
e o mar que se retorce e ruxe de ira
non son capaces de torcer a senda
que sigue a barca miña.
É forte o corazón, o brazo é forte
i-o amor mais forte ainda.
Corre ben, negra barca, que o meu faro
coma unha estrela brila!
Meu amor, meu amor,
cara ti vou axiña!

Fragmento do poema “A tempestade”. Reproducido a partir do mecanoscrito de Bretemada

Fragmento do poema “A tempestade”, parte de Bretemada. Fonte: Arquivo da Real Academia Galega

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta