
(Na imaxe Dores Tembrás, Miro Villar, a alcaldesa Alejandra Pérez Márquez, Silvia Penas a Antía Otero)
O venres 10 de outubro un xuri do que facía parte deu a coñecer o ditame do VI Premio de Poesía Filomena Dato. Velaquí a nova no sitio web do Concello de Bergondo.
A coruñesa Nuria Mosqueira Varela resultou gañadora do VI Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario ‘Oito días’.
O xurado, integrado pola alcaldesa Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Dorés Tembrás como secretaría; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Antía Otero, Silvia Penas e Miro Villar, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Nuria Mosqueira Varela valorando do mesmo ”a construción dun universo propio e a recreación dunha atmosfera. Estamos ante un libro que amosa unidade no traballo estrutural, un manexo interesante dos símbolos, a dicotomía entre o salvaxe e o doméstico, afondando na convivencia entre a emoción e a violencia, a memoria persoal e social”. Igualmente, o xurado salientou o “control no manexo da lingua e a introdución da oralidade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026.
A autora
Nuria Mosqueira Varela ten formación en artes plásticas e audiovisual, estudou Belas Artes (USAL), os Mestrados de Arte e Creación (UCM) e de Profesorado (UDC) e un posgrao en Montaxe Audiovisual na UPF. Actualmente traballa como docente de debuxo e cor na EASD Antonio Faílde de Ourense.
Ao longo deste tempo foi seleccionada en distintos certames de artes plásticas e vídeo-creación e traballou en lugares diversos, entre os que destacan a participación en proxectos audiovisuais tanto propios como alleos e en proxectos de educación artística.
No eido da escrita acadou o terceiro premio de poesía no certame Xuventude Crea (2017) e, como guionista, obtivo subvencións de Agadic tanto para escrita de longametraxe (2017) como para realización de curtametraxe (2019). Tamén, recentemente, comezou a participar en recitais e micros abertos.