Novos proxectos de información na nosa lingua



(Ilustración de Xosé Lois “O Carrabouxo”, do grupo promotor de Sermos Galiza; e logos dese proxecto, de Praza Pública e de Tempos Novos)
Nesta bitácora xa deixamos constancia do noso laio pola desaparición, primeiro en papel e logo na rede, dunha cabeceira histórica como o semanario nacionalista A Nosa Terra, e do medio (a medias, tamén na cuestión da ligua) que se chamou Xornal de Galicia, como antes tamén sucedera co dixital Vieiros. O inmenso baleiro semella que fixo reaxir ao tecido social do noso País e nestas últimas semanas veñen promocionándose dous novos proxectos. O primeiro chámase Sermos Galiza e está nucleado arredor do nacionalismo hexemónico, na tradición do vello A Nosa Terra, o que podería ser tamén unha eiva de nacemento de seguiren o seu ronsel, pois o sectarismo caracterizou moito á devandita publicación. O segundo denomínase Praza Pública e vai máis na liña do vello Vieiros, galeguismo e progresismo, mais tamén semella que vai nacer eivado por outro sectarismo, xa que varios dos seus promotores tamén alentaron hai nada unha plataforma contra ese nacionalismo hexemónico. Ambos e dous medios son absolutamente necesarios neste momento, mais desde fóra doe observar que se conservan os defectos de vellas historias. Por desgraza, este noso vello País segue a ser un territorio de valados e de minifundismo mental, e así nos vai. Malia todo haberá que dar o noso apoio dunha ou doutra maneira a estas dúas iniciativas que pretenden amplificar a presenza na rede e talvez nos quiosques da nosa lingua e da nosa cultura nacionais. E na mesma altura a revista Tempos Novos, que eu adoito ler en papel todos os meses, anuncia unha maior presenza na rede coa total dixitalización dos seus contidos. Saúde a todos tres!

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Novos proxectos de información na nosa lingua

  1. Pingback: As crebas » «Alento e desalento / o meu País»

Os comentarios están pechados.