Novos poemas manuscritos de Gonzalo López Abente: «¡Orza!»



A xenerosidade de Arturo Suárez Varela (que coma min fai parte da Fundación Gonzalo López Abente, coa lexitimación que lle dá o parentesco que o une ao poeta muxián) faime coñecedor dalgúns manuscritos e mecanoscritos valiosos por se me fosen de utilidade no meu labor de compilar a Poesía Completa, na que estou a traballar xa que o vindeiro ano conmemoraremos os 50 anos do seu pasamento.
E hoxe como adianto ou primicia traio até esta bitácora dous manuscritos que revelan o proceso de escrita do poeta. Son ambos e dous do poema intitulado «¡Orza!» que foi publicado no libro Centileos nas ondas (Vigo: Editorial Galaxia, 1958), que foi o primeiro en ser publicado polo poeta despois da guerra, tras un longo silencio, e que en palabras de Méndez Ferrín no Limiar do inédito Bretemada (Alvarellos, 2011) puido deberse ao interese amosado por Illa Couto, finado no pasado mes de abril: «Nunca esquecerei o día no que Xaime Illa Couto (con contactos na familia) me amosou o orixinal mecanoscrito do libro de López Abente que axiña ía saír á luz en Vigo».
Nos dous manuscritos da man tremorosa dun poeta xa maior (un deles escrito no reverso dun envelope da Real Academia Galega (RAG), da que foi nomeado numerario o 8 de decembro de 1940 e tomou posesión o 27 de xullo de 1941) pódese ollar que hai algún verso que cambia a respecto da publicación definitiva, que reproduzo deseguida. Trátase en concreto do oitavo verso, no manuscrito di: “que está o porto a barlovento”.
¡ORZA!
Orza, que o vento é de proa,
cínguete ben, aproveita
para abranguer a coroa
riba daquel mastro ergueita.
Nos baixíos brúa a morte
á banda de sotavento;
rixe o leme con man forte
¡Ai, se o vento racha as velas!
Velame: miñas arelas,
e leme: meu corazón.
¡Ai, se o vento racha as velas
e o mar arrinca o timón!

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Manuscritos, Poesía. Garda a ligazón permanente.