Novelas de aventuras (As crebas, 2011)


A metaliteratura, a presenza dos libros como obxectos, é un dos motivos recorrentes nos meus versos desde o meu primeiro libro (Ausencias pretéritas, Espiral Maior, 1992). Hoxe, Día do Libro (tamén denominado Día Internacional do Libro ou Día Mundial do libro), recupero este texto publicado no poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) e que fala de non concibir a existencia sen libros. Está inspirado no libro Las mujeres, que leen, son peligrosas (Maeva, 2006) do alemán Stefan Bollmann, con limiar de Esther Tusquets, e tamén nas novelas de aventuras que me converteron de por vida en lletraferit (fermoso termo do catalán).
Novelas de aventuras
As mulleres, que len, son perigosas, seica, e ti xa non concibes a existencia sen libros desde aquela nenez feliz na biblioteca cando a balea branca Moby Dick era un soño do capitán Akhab e ti tamén soñabas con chamarte Ismael na cuberta do Pequod.
Ou Huckleberry Finn, Tom Sawyer, Sandokán, Kim, Miguel Strogoff, Marco Polo, Lord Jim, novelas de aventuras con mulleres caladas, con ou sen amor, presas do dedal e da agulla.
As mulleres, que len, foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.

Esta entrada foi publicada en Manuscritos, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.