No sexto aniversario destas crebas


(Crebas, fotografía de Manuel Sendón)
Hoxe, 28 de xuño, ás 16,16 horas esta xanela aberta ao mundo fixo o seu sexto ano na arañeira no que se publicaron até hoxe 1180 anotacións ou artigos de variada xinea. Xa o teño dito, neste tempo con maior ou menor esforzo (segundo os diferentes estados emocionais ou as distintas outras obrigas de cada momento) fun achegando o meu parecer ou dando conta de acontecementos culturais e sociais, mesmo algún político, que foron do meu interese, aínda que moitos outros ficaron no tinteiro pola imposibilidade material de os atender. Como non podía ser doutra maneira tiveron preponderancia os temas literarios, nomeadamente a poesía que enche unha parte importante da miña existencia creativa e lectora.
A bitácora recibiu por parte das autoras e dos autores da nosa literatura o recoñecemento como «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012.
A xeito memorialístico, reproduzo novamente deseguida aquela afastada primeira anotación de saúdo que se fixo desde esta xanela. Velaquí:
Ola Mundo!
Benvido, benvida.
Neste 28 de xuño do 2011 rompe augas este blogue persoal, na acolledora casa común de blogaliza.org. Como “crebas” chegadas ás praias da Costa da Morte, este blogue irá recollendo anotacións de creación e de crítica literaria, alén doutras reflexións.
Nace o mesmo día que morre en papel o xornal Galicia Hoxe, a única prensa diaria na nosa lingua que aínda se podía atopar na rúa. Nace, daquela, porque son tempos de resistencia e de acrecentar a presenza do idioma galego na nosa sociedade e no mundo.
Aos poucos iredes lendo diversos materiais recentes ou de épocas afastadas para gozardes da lectura ou tamén para discrepardes se fose o caso.
Grazas por virdes onda estas crebas e unha aperta atlántica.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.