«No país dos armiños», recensión de Armando Requeixo a Breizh


(Mapa de Breizh. Premer na imaxe para o agrandar)
Esta tardiña do xoves, día 7 de febreiro, ás oito, a compostelá Libraría Couceiro vai acoller a presentación ou lanzamento do meu libro de poemas Breizh (Toxosoutos).
No acto terán a palabra David G. Couso, director literario da editorial Toxosoutos e
Xosé Mª Lema Suárez, presidente do Semescom (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte) e autor do Limiar.
Nota Bene: As persoas asistentes recibirán un sobre ou envelope que inclúe un pequeno agasallo como gratificación extraordinaria.
Agardamos contar coa túa presenza. No entanto, podes achegarte ao libro nesta recensión que publica hoxe criticalia, a bitácora do crítico e profesor Armando Requeixo. Ou nas xa citadas anotacións feitas nesta outra recensión polo crítico e profesor Ramón Nicolás, publicada na súa bitácora cadernodacrítica ou nesta lectura persoal do crítico e escritor Xesús González Gómez.
«No país dos armiños»
Como unha singular bitácora versal, así hai que entender Breizh, o máis recente poemario de Miro Villar, volume no que compendia preto de medio cento de haikai dedicados a outras tantas localidades bretoas visitadas polo poeta.
Publicado por Toxosoutos e prologado por Xosé María Lema Suárez e mais António Jacinto Pascual, Breizh é todo el un prodixio formal e estético. Máis o que verdadeiramente engada da habelencia para o manexo do tríade tradicional nipón de pentasílabos alternados con heptasílabos por parte do ceense é como esta ríxida arquitectura estrófica nas súas mans se fai dúctil e acolle, como se dunha luva se tratase, os contidos biopaisaxísticos e sensoconceptuais dos que se alimenta.
Ar-Mor, a nación do mar infindo; a labiríntica Gwenwed de murallas seculares; as gravuras do Alén de Gavriniz; os senlleiros menhires de Karnag; as terras do horizonte evadido en Finistère ou Ber ag Raz; a esgrevia beiramar de Bro Bagan; a mítica lendaria do Mont-Saint-Michel, as estacións todas da conexión celta de noso coas terras da vella Brutania fanse paxaros de melancolía nas composicións de Villar.
Abondando no ronsel de irmandade galego-bretoa que moito cultivaron Manuel María ou X. L. Méndez Ferrín, no pasado, e, máis recentemente, Claudio Rodríguez Fer ou Olga Novo, entre outros, o Breizh de Villar acrisola o herdo da tradición coas airexas da modernidade, facendo convivir corsarios como Robert Surcouf con poetas como Tristan Corbière, cineastas como Bertolucci e tangueiros como Piazolla.
Poderoso o voo poético do haijin Villar no País dos Armiños, que en Breizh evidencia por que temos nel un dos mellores autores da hora actual.
Armando Requeixo

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións, Recensións. Garda a ligazón permanente.