No novo Catálogo de Lecturas Infantís 2012 de Xerais


Ao fío da celebración onte, 2 de abril, do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil reproduzo as imaxes do Catálogo de Lecturas Infantís 2012 de Xerais, editora na que viron á luz os tres contos rimados da serie da marmota Carlota, todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio, quen amosa mesmo unha evolución desde o primeiro até o último, desde un trazo máis clásico até a incorporación de novos materiais a xeito de colaxe.
Neste catálogo non figura, como xa se comentou, o primeiro da serie, esgotado e sen ningún viso de se reeditar, Carlota, a marmota que non podía durmir (2000); mais velaí os textos que acompañan a Carlota e a bota perdida (2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (2006), que aparecen na sección NATUREZA, pois no inicio dísenos:
«Arriscámonos, ademais, a ordenar esta escolla de ficción utilizando criterios temáticos: Amor, Animais, Aventuras, Ciencia, Ciencia Ficción, Detectives, Diarios, Fantasía, Historia, Humor, Medo, Natureza e Valores. Incluímos tanto novela como relatos, fosen de autoría galega como traducións doutras linguas».
Carlota e a bota perdida
Carlota, a marmota, esperta coa chegada da primavera. Vai deica o río, para lavarse con auga fresca. Río arriba foi buscar a nacente e alí escoitou os berros dunha bota que afogaba, arrastrada pola corrente. A marmota non sabía qué facer e procurou a axuda de Xonxa, a lontra, que conseguirá rescatala e levala á beira. Pero daquela era unha lontra moi especial.
Álbum de textos rimados.
OUTROS TEMAS: ANIMAIS.
Carlota e a gaivota patiamarela
O río non tiña segredos para Carlota, a marmota, mais nunca vira o mar. Carlota decidiu resolver ese misterio louco andando veloz seguindo o curso do río ata chegar a un deserto negro e frío. Era o mar aquela cousa tan fea que nin se podía ollar? Que animal descoñecido, enterrado no chan, intentaba saír do chapapote? Desta volta a protagonista emprenderá unha viaxe río abaixo ata atopar no esteiro a desfeita provocada polos verquidos do chapapote.
OUTROS TEMAS: ECOLOXÍA, ANIMAIS.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.