No nomeamento do profesor Xesús Alonso Montero como Fillo Adoptivo do concello de Ribadavia


(De esquerda a dereita, o finado doutor arxentino Juan Gervasio Paz Narbaiz -fillo do poeta muxián Xervasio Paz Lestón-, eu propio e o profesor Xesús Alonso Montero, no acto de presentación na compostelá galería de Sargadelos do volume A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo. Ao fondo entre o público os amigos muxiáns Manuel Vilar Álvarez e Xoán Bautista Pose Paz, parente do poeta e daquela alcalde nacionalista de Muxía. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Na mañá do pasado sábado estivemos na Casa da Cultura de Ribadavia, a onde viaxei na compaña de Xosé María Dobarro e Isabel Seoane, para acompañar ao profesor Xesús Alonso Montero no seu nomeamento como Fillo Adoptivo do concello de Ribadavia. Velaquí as crónicas do acto no blogue de Galaxia e nos xornais Galicia HoxeLa Región ou La Voz de Galicia).
Alén das numerosas intervencións literarias, musicais ou políticas, puidemos escoitar un fragmento (soubo desta volta ser disciplinado no tempo de intervención) do discurso de aceptación que pronunciou co título «O Ribeiro, na miña vida, como pedagoxía e como compromiso», cuxo contido completo figura nun libriño editado pola Deputación de Ourense e co que se agasallou a todas as persoas asistentes a este emotivo acto.
A biografía intelectual do profesor Xesús Alonso Montero está ateigada de numerosos e imprescindibles -moitos deles- títulos e algúns deles foron obxecto das miñas recensións críticas. Porén, farei acordanza de cando coñecín persoalmente ao profesor que moito antes xa era referencia indispensable nas miñas lecturas.
Non fun alumno seu até os cursos de doutoramento. Así, en 1996 fun discente no curso denominado «Guerra civil (1936-1939) e literatura galega» e ao ano seguinte doutro intitulado «Tres institucións: Real Academia Galega (1906), Seminario de Estudos Galegos (1923-1936) e Instituto Padre Sarmiento (1944)». Ambos e dous foron de moito proveito para min, de maneira especial o primeiro pois a cada sesión viña cargado con libros da época, editados no interior ou producidos no exilio, e sempre deixaba circular aquelas primeiras edicións entre o alumnado. Anos máis tarde habíame agasallar cun exemplar dun daqueles, concretamente A gaita a falare de Ramón Rey Baltar, que se publicou en 1939 destinado a acadar fondos para os combatentes republicanos.
Naqueles cursos alicerzouse o meu interese pola literatura galega de entreguerras e por suxestión da profesora Dolores Vilavedra decidín solicitarlle ao profesor que fose o meu director da Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado por Edicións do Castro (1998).
A nosa colaboración continuou en 1999 como recolle o volume Guerra civil (1936-1939) e literatura galega (Textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate), en edición literaria de Xesús Alonso Montero e eu propio, como material previo do congreso que baixo o mesmo epígrafe se celebrou no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela os días 14, 15 e 16 de decembro.
E a seguir tamén foi o director da miña Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. Dado que foi un labor de moitos anos, no traballo tamén figura como titor o profesor Francisco Fernández Rei, xa que Alonso Montero non podía figurar ao ser xa emérito naquela altura. Este magno traballo é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org, tamén deu pé ao libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).
Nestes dezaseis anos de trato persoal aínda tiven a sorte de colaborar co profesor en moitos outros proxectos de menor entidade e de aprender en todas e cada unha desas oportunidades. Por esta razón era obrigada a nosa presenza nese acto de homenaxe, como discípulo do vello mestre, como admirador da súa oratoria, como lector e como persoa que pode gozar da súa amizade persoal. Saúde e parabéns, profesor!

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Fotografía, Historia, Manuscritos, Memoria Literaria, Poesía, Política, Premios. Garda a ligazón permanente.