«No monte Corpiño» de Gonzalo López Abente na revista Coruña Moderna (nº102, 10 de febreiro do 1907)




(Na primeira imaxe, reprodución de Coruña Moderna, 102, 10 de febreiro de 1907. Na primeira fotografía, «Ao fondo a Sala do Perello, entre as hortas do Corpiño. É un lugar de lendas, dise que aí vivía un xastre» e na segunda «O malecón, e peirao de Don Manolo, co Corpiño ao fondo, anos 70» ©Rivadulla Porta.
Fotos e pés de foto tiradas do magnífico proxectobuserana.blogaliza.org)
O primeiro texto poético de Gonzalo López Abente, até hoxe coñecido, apareceu publicado postumamente dentro do libro Decrúa (1966) nun apartado final de «Recobrados» que inclúe «Un velorio nunha aldea», datado en 1899, cando o poeta tiña 21 anos e aínda non estaba plenamente incorporado á escrita monolingüe en galego que o ía caracterizar andando o tempo. Co título «Un velatorio n-unha aldea» publicouse na Revista Gallega, núm. 340, do 22 de setembro do 1901. Nesta mesma revista xa publicara os poemas «O inverno do corazón» (núm. 293, do 28 de outubro do 1900) e «Soneto» (núm. 298, do 2 de decembro do 1900) e tamén un relato breve pouco coñecido «A romería da Barca» (núm. 288, 23 de setembro do 1900.
Mais hoxe imos reparar nun poema que se publicou hai 110 anos, tal día como hoxe, co título «No monte Corpiño» na revista Coruña Moderna (nº102, 10 de febreiro do 1907), onde apareceron varios textos da súa autoría e catro meses antes xa publicara un poema en castelán adicado á súa nai. O poema tamén se reproduciu noutras publicacións posteriores e o poeta incorporouno ao seu primeiro libro Escumas da ribeira (1911?) que saíu do prelo da Imprenta de Juán Pérez Torres, en Madrid, sen data de edición. Soamente dous autores aventuran unha datación, Otero Pedrayo escribe «Seu primeiro libro Escumas da ribeira saiu no 1911 e dise que por a infruencia de don Xoaquin Arias de Miranda, cuia amisade decidiu ó calado poeta», e Méndez Ferrín que o data dous anos despois con interrogante. Porén, a primeira recensión do libro que atopamos saíu na revista bonaerense La Voz de Galicia, núm 45, do 12 de setembro do 1914, da man de Conde de Cela, pseudónimo do xornalista e director de Suevia, Joaquín Pesqueira.
Velaquí o poema:
N’O MONTE CORPIÑO
Penedos, altos penedos
do Corpiño vixiante;
sodes, com’o meu amor,
tristes, barudos e grandes.
¡Cantas veces, cantas veces
dend’o curuto en qu’estades
sufríchedes impasibres
o furor dos temporales!
Nin os ventos qu’arrincaron
dôridas queixas aos mares,
nin as duiras medoñentas
das frecuentes tempestades,
de movervos unha vez,
penedos imperturbabres,
de movervos unha vez
foron hastr’hoxe capaces;
que sodes, altos penedos
do Corpiño vixiante;
o mesmo qu’o meu amor,
tristes, barudos e grandes.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.