No lanzamento de Desescribindo, de Marilar Aleixandre

desescribindo00

Desescribindo de Marilar Aleixandre from apiario on Vimeo.
(Capa e booktrailer do libro)
Onte, á tardiña, a compostelá libraría Couceiro acolleu a presentación do novo libro de poemas de Marilar Aleixandre, intitulado Desescribindo, editado por Apiario na colección Cera Labrada.
Neste lanzamento a autora estivo acompañada pola poeta Antía Otero (unha das parceiras da editora Apiario xunto a Dores Tembrás) e a crítica literaria Chus Nogueira.
Antía Otero realizou unha presentación lírica alén de orgullarse de contar entre as singulares propostas de Apiario coa nova obra poética de Marilar Aleixandre.
Por parte, á crítica literaria Chus Nogueira, a quen escoitamos adoito no Diario Cultural da Radio Galega, correspondeulle resumir a traxectoria da autora e explicar polo miúdo as características do libro, ao que cualificou como «poesía de circunstancias», mais baleirando este termo de calquera matización pexorativa para salientar a actualidade dos seus diferentes fíos temáticos e a voz de denuncia e de reivindicación que acompaña os versos.
Finalmente, Marilar Aleixandre lembrou os seus inicios poéticos e a cerna das súas anteriores propostas antes de nos iluminar sobre a propia xestación do libro, para lle dar ramo á súa intervención coa lectura de varios dos poemas, a maioría da primeira parte «nas marxes da folla», entre os que escolleu «somos Verbo», «desbridar», «meu pai repróchame que traizoe a súa lingua», «as cordas do violín» ou «o dragón de San Xurxo desde fóra do canon». Da segunda parte, intitulada «lembranza de Babel» agasallounos coa lectura de «Babel», «Vera Nikolaiebna Figner lembra o xardín de Semiramide» ou «a cidade asediada». Menos presenza tivo a terceira parte do libro que leva por título «de quen a voz».
Porén, por varias razóns entre as que non é pequena que os versos falen dun espazo moi importante na miña infancia e na miña mocidade, escollín para saudar o libro outro poema da primeira parte intitulado «Estorde, 27 de xuño», ao tempo que agradezo a Marilar que me facilitase a reprodución do mesmo e a quen aproveito para parabenizar por esta súa entrega. Velaquí.
Estorde, 27 de xuño
Si bô ‘screvê’ me
‘M ta ‘screvê be
Cesária Évora
neste areal,
onde tomei da faneca brava
veleno para desescribir
aquí, onde as fanecas
espreitan polo pé nu,
sábeno os mariñeiros do Cabo de Cee a Nemiña
os linguironistas de Fisterra
os mozos que estragan as vértebras
turrando das ameixas en Corbeiro,
á noite cruzan dornas
de incerta carga
talvez leven o corpo
de Rozalía Luxemburg
guindado ao Landwehrkanal
con pedras atadas ás mans
chegado a nós en barca de pedra,
talvez envurullos de po branco
como cinza
mais hoxe está de vendaval
vento Sur
aínda non comezaron os incendios
hoxe as nosas pegadas nunha area
na que nada está escrito
grazas sexan dadas a Cesária
pola auga morna
a miúda pinga de felicidade
acrecentada ao trevo
para Carlos N. C.
(Fotografías da presentación, ilustracións de Mauro Trastoy e dedicatoria persoal no meu exemplar de Desescribindo)
desescribindo02
desescribindo01
desescribindo-marilaraleixandre01
desescribindo-marilaraleixandre02

Esta entrada foi publicada en Autografías, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.