«No herbal azur do ceo. No centenario de Teodoro Morgade», un artigo de Román Arén

TeodoroMorgade
Apráceme traer a esta bitácora un artigo de Román Arén que lembra no Café Barbantia a un dos poetas máis descoñecidos na historia da literatura da Costa da Morte, Teodoro Morgade, cuxa vida fanouse ben temperá. Alén de nós o reivindicar no volume De Pondal ao Batallón literario (120 anos de poesía na Costa da Morte (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009), sempre hai que citar o impagable labor de Xosé María Rei Lema, quen nos facilitou o achegamento aos poemas éditos e inéditos do poeta baiés Teodoro Morgade e que elaborou unha completa ficha para o seu Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, do que xa falamos nesta anotación.
No herbal azur do ceo. No centenario de Teodoro Morgade
En 1915 nacía en Baio Teodoro Morgade Valera, que foi a Compostela estudar Farmacia, carreira que non puido rematar pois morreu afogado na Coruña en 1935.
Tiña vocación literaria e os seus amigos (Marino Dónega, Xenaro Mariñas…) reuniron os seus poemas en 1963 no folleto Cartafol, versos tirados da correspondencia do autor. Con el foise unha promesa da literatura galega antes de dar froito. Xenaro Mariñas despediuno o 10 de agosto de 1935 en A Nosa Terra e Marino Dónega deu conta da súa figura na Gran Enciclopedia Gallega
Non é doado acceder á obra deste poeta, mozo xa para sempre, pero Miro Villar e Modesto Fraga incluírona no volume De Pondal ao Batallón literario (120 anos de poesía na Costa da Morte (Santiago, Sotelo Blanco, 2009). Méndez Ferrín estudouno no seu De Pondal a Novoneyra (1984) e inclúeo na escola de Amado Carballo, o hilozoísmo, unha pervivencia da Xeración do 22 na Xeración do 36, a propia de Teodoro Morgade.
É verdade que a pegada de Amado está presente nos seus poemas, quizais tinguidos de vangardismo noa disposición tipográfica, mais con certos influxos de Manuel Antonio. As personificacións imaxinistas están ben logradas: “No herbal/azur/do ceo/anda a pacer/o boi/marelo/apaga a sede/nas nubens/brancas/déitase/no ocre/horizonte”. O mar, o mar de Fisterra “convulso en arelas de pedra dura/morno de tantos luceiros /no teu van deitados/coa verde sangue/en algas realizadas…” é unha presenza aínda moi presente por influxo de Manuel Antonio, pero o máis orixinal e persoal de Morgade está, quizais, nos intentos de poemas en prosa: “Apraude o sol no mar ata que ven fusilalo a choiva. I é entón cando quixera ser sol”.
Román Arén

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.