No faro de Gatteville-Barfleur (Normandía)


(Fotografía de Xosé María Lema Suárez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O pasado ano por estas datas contaba nesta anotación como Xosé María Lema Suárez, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e un dos organizadores daquela nosa viaxe a Cornualles, argallou a idea me facer entrega dun “Faro Córnico”, como desagravio por verme obrigado a rexeitar o Faro Nerio, tal e como xa se relatou aquí e que tivo entre as súas consecuencias o veto á miña presenza na Feira do Libro de Cee 2011. O Semescom foi a única entidade que fixo público o seu apoio contra esa arbitraria decisión, ao que seguiu un manifesto de apoio de xente da cultura da Costa da Morte.
Desta volta, na nosa viaxe a Normandía e a alta Bretaña, continuamos coa brincadeira e velaí a fotografía que testemuña o acontecemento, que reproduzo coas explicacións (sempre atinadas e rigorosas) que me fai chegar o amigo Xosé María Lema Suárez. Obrigado, moitas grazas mestre.
«Aí che vai a foto do “teu” faro normando. Vostede xa fora premiado cun faro córnico e agora tamén o normando, para o que lle tomou ben a medida e escolleu moi ben, pois, segundo o libro dos faros de Francia que merquei na viaxe (Les phares, de Yves Montron e Enguerran Montron, 2012), o faro de Gatteville-Barfleur é o segundo máis alto de Francia e de Europa, despois do da Île Vierge (oeste de Bretaña, ó norte da punta de St. Matthieu), cunha torre de 71 m de altura; a súa luz alcanza 29 millas -superadas polos nosos Vilán e Fisterra, con 30 e 31 millas, respectivamente (hai que sacar peito)- e a súa luz crúzase co da illa de Wight (GB). Vostede coas súas mans está abarcando simbolicamente todo o ano natural, pois no seu interior esta torre ten unha escaleira de 365 chanzos, tantos como días ten o ano, con 12 descansos -tantos como o número de meses do ano- e no exterior podemos contar 52 fiestras (tantas coma o número de semanas anuais)».
Segundo nos contou O’Lema, este faro está na xurisdición de Barfleur, unha pequena vila duns mil habitantes, cun pequeno porto pesqueiro. En tempos fora un dos máis importantes portos de comunicación con Inglaterra na Idade Media. Tal é así que un dos principais protagonistas da obra de Ken Follett Os piares da Terra (The pillars of the Eart), Jack Jackson, despois de pasar a Francia na procura de datos sobre o seu pai francés fora a Barfleur para embarcar cara a Inglaterra.

Esta entrada foi publicada en Historia, Premios, Roteiros. Garda a ligazón permanente.