No Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, no prelo o volume Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega





No Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, declarado pola UNESCO, éme grato anunciarvos que xa está no prelo o volume intitulado Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega, edición e coordinación de Francisco X. Fernández Naval e eu propio, con fotografías de Maribel Longueira, e que vai publicar a editorial noiesa Toxosoutos.
O proxecto para editarmos esta antoloxía de poemas éditos e inéditos en apoio da declaración do Monte Pindo como Parque Natural, do que xa falamos nesta bitácora aquí e acolá, puido facerse realidade porque a activa e dinámica asociación Monte Pindo Parque Natural decidiu promover na rede (através da plataforma Goteo.org) unha iniciativa de “crowdfunding” (termo que se podería traducir por financiamento colaborativo ou colectivo), isto viría sendo unha suscrición popular. A recadación acadou os mínimos previstos e iso posibilitou a edición.
Para abrirmos boca (de apetito literario) reproducimos as páxinas do Índice onde se poden ler os nomes das e dos poetas que fan parte do libro, así como os epígrafes dos textos que achegan.
Ha ser unha boa lectura poética para esta primavera que estamos a principiar. Saúde e Poesía!

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Manifestos, Poesía, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.