No cincuenta aniversario de Jean Cocteau


(Fermosa escena de La Belle et la Bête (1946) de Jean Cocteau)
Hoxe conmemoramos o cincuenta aniversario do pasamento de Jean Cocteau (Maisons-Laffitte, 5 de xullo de 1889 – Milly-la-Forêt, 11 de outubro de 1963), poeta e cineasta vangardista francés, que tamén foi novelista, debuxante e pintor, actor, coreógrafo e dramaturgo. Autor de varias películas memorables, sempre hei lembrar La belle et la bête (1946) e de feito nos meus versos, onde o cinema adoita ser un dos motivos recorrentes, aparece como inspiración dun poema e como referencia tanxencial doutro.
E na canle YouTube tamén se pode ollar completo o seu primeiro e suxestivo filme intitulado Le sang d’un poète (1930).
Así foi, no meu primeiro poemario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992), concretamente no seu primeiro caderno intitulado «De ti e da ausencia», incluín un soneto no que a devandita película está moi presente.
E no segundo libro da miña autoría 42 décimas de febre, que inaugurou en 1994 a colección Nume da editorial Toxosoutos, no seu «Caderno II. Imaxes. Poemas baseados no cinema», nun texto inspirado en Teorema (1968) de Pier Paolo Pasolini tamén aparece de esguello o nome de Jean Cocteau.
Velaquí o soneto e a décima:
VIII
Canso de andar teimudo na procura
dos teus enferruxados interiores,
prescindo de filmar máis exteriores
entrementres non venza esa censura.
O cinema con guión de intriga escura
co poeta Jean Cocteau de entre os mellores
non me ten interese polas cores
coas que crea surrealismo de negrura.
E non sendo ti bela nin eu besta
teremos de mudar no colorido
e non dar inda todo por perdido.
Despois de que a claqueta fique presta
farei toma de imaxe e de sonido
como actor-director do acontecido.
***
Caderno II. Imaxes. Poemas baseados no cinema
Teorema (1968) Pier Paolo Pasolini
X
Einsenstein, Ford, Rosellini,
Cocteau, Renoir, Lubitsch, Lang,
Visconti, Buñuel, Fellini,
Kurosawa, Hawks, Kazan
e outros máis non saberán,
sendo mestres do cinema,
gravarte exacta nun poema
como eu fago de contino
sen o don case divino
do Pasolini en “Teorema”.

Esta entrada foi publicada en Arte, Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.