No centenario de Álvaro Cunqueiro: O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Onte foi o centenario de Álvaro Cunqueiro, quen naceu na vila de Mondoñedo o 22 de decembro do 1911. Velaí, pois, que era unha ocasión propicia para festexarmos a data acudindo á representación no Teatro Principal compostelán da súa obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (adoito coñecida como Don Hamlet desde a primeira edición en 1958 por Galaxia), da man dunha das nosas mellores compañías Sarabela Teatro. A posta en escena do grupo teatral ourensán, dirixida por Ánxeles Cuña e cun elenco que encabeza Fernando Dacosta (a quen lembro xa a facer teatro na época da Facultade de Filoloxía) no papel de Hamlet, foi notable, correcta e impecable, dada a dificultade de levar a obra teatral de Cunqueiro ás táboas e de maneira especial este texto. No programa da compañía dísenos: «O incerto señor don Hamlet, texto lírico, intertextual e complexo que leva implícito ritmo, musicalidade, escrita de realismo soñado, con grandes acertos técnicos, forza dramática e orixinalidade». Sen discutirmos estas palabras, mesmo concordando con elas, teño para min que no teatro de Cunqueiro hai problemas de dramaturxia moi difíciles de resolver, precisamente por ese lirismo que adubia os seus textos. Así a todo, todas as versións teatrais que puidemos ollar nestes anos superan en moito ás tentativas cinematográficas, mesmo á última adaptación do Sinbad da que xa se falou nesta bitácora.
Polo demais tamén aquí xa deixei ben claro o meu fascinio pola obra de Cunqueiro, a quen considero fundamental na nosa literatura do século XX, por máis que sempre me anoxou o seu inequívoco compromiso falanxista, unha enorme lousa que ensombrece a súa dimensión literaria, mais que non foi impedimento para a homenaxe a Cunqueiro nos meus propios versos. Dixen xa que lembro facer a súa lectura con devoción, como lle aconteceu a moitos poetas dos oitenta e dos noventa, porén nunca citei ningún dos seus versos nun poema meu, aínda que o seu nome ecoa nun soneto do meu libro Ausencias pretéritas (1992).

Esta entrada foi publicada en Teatro. Garda a ligazón permanente.