Presenza no catálogo de Biblosclube


Biblos Clube de Lectura é unha iniciativa de promoción e venda da literatura galega e portuguesa e da música e do cinema de nós que xurdiu da man de Carmela González, como directora, e do escritor Tucho Calvo, como director literario. Neste mes de xullo publican o nº 51 (ano IX) da súa Revista Galega de Información Literaria (velaquí en pdf) e na súa carta aos lectores intitulada “A lectura, piar da cultura fronte á crise” alertan: “Son tempos difíciles. E sería importante para deixalos atrás que á hora de facermos recortes coloquemos a cultura (e a lectura, como o seu piar fundamental) na categoría de investimento e, en ningún caso, de gasto superfluo”. Concordamos totalmente. Neste número que corresponde ao bimestre xullo-agosto reseñan as últimas novidades, entre elas figuran catro libros con presenza da miña obra: o conto para primeiros/as lectores/as A cobiza do verme Noel, que ilustrou Marta Álvarez Miguéns; o poemario As crebas; a edición que preparei da antoloxía Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 de Bernardino Graña e outra antoloxía que preparou Francisco “Chisco” Fernández Naval dos poetas que cantamos á carpintaría de ribeira Tamén navegar. Esta “sobredose” non deixa de ser casual, malia todos os textos publicarse agora veñen sendo de etapas distintas na súa produción. Que vos aproveite a enchenta!

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Estudos literarios, Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.