No Campo da Rata e en Punta Herminia…


(Fotografía de Luís Lamela, por Víctor Lamela)
Na exposición Cartografías silenciadas, de Ana Teresa Ortega, unha das imaxes é do denominado Campo da Rata, mais houbo outros lugares para a represión como Punta Herminia, cerquiña tamén do patrimonio da humanidade da Torre de Hércules. Ese fermoso lugar tamén tivo o seu pasado macabro na represión franquista e entre os moitos axustizados estiveron varios veciños da miña vila, Cee, como relata de maneira documentada a magnífica investigación de Luís Lamela García, intitulada Crónica de una represión en la Costa da Morte (na extinta Edicións do Castro, 1995). En efecto, Norberto Recamán Lago, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueira, Florentino Canosa Barreiro, Manuel García Castiñeiras e Domingo López Domínguez, todos os oito sinsicalistas ceenses foron condenados a morte por un tribunal militar. Sinala Luís Lamela: “La sentencia se cumple a las siete horas del citado 9 de diciembre de 1936 en las inmediaciones de Punta Herminia de A Coruña. El mismo lugar en que pocos días antes cayera inerme el cuerpo de Miñones. Después del trabajo del pelotón, el oficial que lo manda procede a rematarles uno a uno con un tiro de gracia en la parte lateral del cráneo. Las cabezas destrozadas rebotan violentamente contra el suelo por el impacto del proyectil y saltan violentamente como queriendo soltarse del cuerpo. ¡El orden estaba establecido! Los enemigos contentos y la justicia… violada”. Semanas despois, outro consello de guerra sumarísimo decretou o fusilamento doutro ceense, Vicente Mejuto Leis, que se data no 6 de xuño do 1938. A pedimento de Luís Lamela, a quen acompañei tamén na presentación da súa novela Escapado, sobre os fuxidos d’O Pindo, escribín un soneto na memoria dos asasinados que figura no pórtico dese primeiro capítulo do seu libro sobre a represión na Costa da Morte.
1936
Naquel verán soturno, de sol pálido e tordo,
Cee pobouse de anguria, queimadura que medra
e estraga sentimentos que a represión empedra
deitando sangue quente co seu buligar xordo.
Houbo debilidade, soterrando o recordo,
gravado e lacerado no silencio da pedra,
cos corpos do futuro cubertos só por hedra
de onde naceron luces, palabras no balbordo.
Amouse a terra fértil, húmida daquel sangue,
onírico desexo que en nós vive e rebenta
e soñouse insubmisa, memoria turbulenta
da diáspora antiga que o pretérito abrangue.
Viñeron tempo ermos e tempos de decrúa
e o sangue foi semente da libertade núa.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “No Campo da Rata e en Punta Herminia…

  1. Pingback: As crebas » Homenaxe a Ánxel Casal

Os comentarios están pechados.