No 50 aniversario da Agrupación Cultural O Facho


Este ano tamén vai ser para a lembranza do 50 aniversario da Agrupación Cultural O Facho, que naceu o 23 de decembro de 1963 na Coruña por iniciativa de dous estudantes coruñeses, Henrique Harguindey Banet e Andrés Salgueiro. Coñecín a efeméride grazas a unha anotación na páxina da Real Academia Galega (RAG), da que souben pola súa recente e activa conta de twitter @AcademiaGalega
A devandita asociación cultural ten moito a ver coa miña entrada serodia no mundo da literatura infantil (como se contou nesta bitácora) xa que os comezos da miña produción neste eido foron ao concorrer ao XXIX Concurso Nacional de Contos Infantís “O Facho” en 1998, do que fun merecedor por Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000). É de observar que a publicación aínda demorou uns anos por desleixo propio e desinterese dalgunha editorial que non citarei. Este premio e a súa posterior publicación na colección “Merliño” foron fundamentais e de feito este conto rimado converteuse na primeira entrega da serie, ata formar unha triloxía, completada con Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006), todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio. A día de hoxe o primeiro título da serie xa está totalmente esgotado e sen posibilidade de reedición a dicir da editorial.
En calquera caso, o certame da asociación cultural coruñesa xúntase a moitas outras iniciativas deste xorne que a miúdo xorden desde a cultura de base. E haiche exemplos a moreas, por sorte para un País coma o noso onde a Cultura mingua cada día nos orzamentos públicos e privados.
Parabéns e beizóns pois á A. C. O Facho polo feito de existiren e resistiren.

Esta entrada foi publicada en Contos, Historia, Infantil, Memoria Literaria, Poesía e etiquetada . Garda a ligazón permanente.