No 43 aniversario da compostelá Libraría Couceiro


(Imaxes da Libraría Couceiro na actualidade e en 1969)
E tal día coma hoxe, 10 de marzo, mais do ano 1969 o emprendedor Xesús Couceiro abría o primeiro local da compostelá Libraría Couceiro, que daquela estaba na Rúa de San Pedro. Foron varias as ubicacións posteriores, aínda que nós coñecemos máis de perto o establecemento que rexentaron nun baixo da República do Salvador, xa especializada na venda do libro galego e portugués, e, por suposto, o actual na Praza de Cervantes (antiga Praza do Pan). Os nosos parabéns a Suso Couceiro, a Lurdes, aos seus Pablo e María (que son máis da miña xeración) e a toda a familia que pasou pola casa dos libros. Velaquí o seu convite para esta data:
Libraria Couceiro aprácese en convidalo á celebración do seu 43 aniversario o sábado 10 de marzo. Con tal motivo sairemos á rúa facendo un 5% de desconto en todos os nosos fondos e agasallando cada compra cunha reprodución facsimilar do refraneiro galego editado por Ánxel Casal en Edicións Nós no ano 1933 sobre unha recollida feita por Álvaro de las Casas.

Esta entrada foi publicada en Historia. Garda a ligazón permanente.