Ningunha rúa de Compostela para Manuel Fraga


Na páxina da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña asinei para que Manuel Fraga non tivese unha rúa en Compostela, unha acción promovida polo Movemento polos Dereitos Civís. Onte foi un día negro para a democracia, pois o actual Alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, conseguiu que Manuel Fraga teña unha rúa na nosa cidade, coa vergoñenta complicidade dos concelleiros socialistas. De feito o anterior Alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, xa o pretendera en 2006. Naquela ocasión a proposta non foi adiante grazas ás miles de sinaturas entregadas no Concello. Coma fixen eu, aínda podes manifestar o teu malestar e a túa repulsa por medio deste formulario co que lle estás a enviar unha carta directamente a Conde Roa. Velaquí a ligazón para participares:
http://mpdc.blogspot.com/2011/09/cargando.html
Ao asinares a petición estarás a enviar esta carta:
A ATENCIÓN DO ALCALDE-PRESIDENTE, Sr. CONDE ROA
O alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, co apoio do antigo alcalde de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, acordaron levar a Pleno Municipal a proposta de lle pór o nome de Manuel Fraga Iribarne a unha rúa ou avenida da cidade.
Ante este feito, o asinante deste escrito quere amosar o seu rexeitamento a que se utilice a nomenclatura das rúas compostelás para honrar a unha persoa que non merece o recoñecemento social que se outorga a quen se lle dedica unha rúa. Por se non ficara evidente que a proposta do Sr. Conde Roa é inapropiada pasamos a relatar brevemente as razóns que xustifican a nosa posición:
1º) Hai que diferenciar entre o que significa un respecto institucional mentres ocupou a presidencia da Xunta do feito de que no nomenclator dunha cidade se lle renda homenaxe a unha persoa que non conta co apoio dunha boa parte da cidadanía.
2º) A avaliación da xestión do Sr. Fraga durante os anos que ocupou a presidencia da Xunta é claramente negativa para Galiza e discutida por amplos sectores sociais. Mentres que o Estado español medraba en desenvolvimento económico, Galiza afundíase nos principais indicadores socioeconómicos.
3º) O Sr. Fraga é senador do Partido Popular e, polo tanto, semella inapropiado neste momento que se lle homenaxee a un político en activo claramente vinculado a unha opción partidaria concreta.
4º) O Sr. Fraga Iribarne fixo parte destacada das decisións máis claramente antidemocráticas da ditadura franquista. Sendo ministro de Información e Turismo, asinou colectivamente, en Consello de Ministros, a execución de Julián Grimau e foi o encargado de contrarrestar propagandisticamente o acontecido, como tamén sucedería durante o Proceso de Burgos. Outra proba do seu papel principal na dirección do aparello de censura de Franco foi a condena de Alberto Míguez pola publicación da antoloxía bilingüe O pensamento político de Castelao.
5º) Por todo isto, e porque nun momento como o actual, no que debemos traballar para restituír a verdade sobre a represión que padeceu ou pobo galego após o golpe militar franquista, entendo que a nomenclatura das rúas nas que vivimos deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos e dos pobos, así como a restaurar a figura dos que representaron e defenderon os verdadeiros valores da democracia, do progreso e da igualdade.
Polo que SOLICITAMOS
Que sexa retirada publicamente a proposta do Sr. Conde Roa e do PP de homenaxear á persoa do Sr. Fraga Iribarne dedicándolle unha rúa da cidade.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Ningunha rúa de Compostela para Manuel Fraga

  1. Pingback: As crebas » Ningunha rúa para Fraga Iribarne

  2. Pingback: As crebas » As enormes sombras de Fraga Iribarne

  3. Pingback: As crebas » Pola boca morre o peixe…

Os comentarios están pechados.