Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao


Neste Día da Patria Galega esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.
Xosé Luís Méndez Ferrín, actual presidente da RAG, publicou o 16 de xuño do 2008, na súa colaboración dos luns en Faro de Vigo, un artigo intitulado «Da Fouce e da Estrela» no que fai unha historia da bandeira galega que reproduzo nos seus primeiros parágrafos:
«Farruco Sesto Novás titulou así, fillo como é da cultura política galeguista, un seu libro de poemas, non sei se o primeiro. El sabía, supoño que tamén Anxo Quintana e Mario López Rico, que Castelao ideara en pleno fragor bélico, 1937, o escudo republicano de Galicia (si: como Atila en Galicia). Neste escudo elimínase o elemento contrarreformista do copón e o Santísimo Sacramento, e o mesmo se fai coas sete cruces das sete provincias representativas do Antigo Réxime. Igualmente, a coroa real desaparece como é regra en réxime de República. No escudo de Castelao hai unha fouce de ouro, que acumula no seu simbolismo a herdanza céltica e a rebeldía dos agrarios e dos irmandiños. No chefe da fouce de ouro campa unha estrela vermella de cinco puntas (nada que ver coa de David). É a estrela da Liberdade e do Socialismo. O escudo é abrazado por un tenente que é serea de longa cabeleira que, polo baixo, ensina, atrevida e algo bulrista, o rabo de pixota. O escudo da serea, da fouce e da estrela leva, no deseño de Castelao, unha lexenda: DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS. Coido que algún día este será o escudo oficial de Galicia».
No artigo completo, que se pode ler aquí, continuaba a criticar a Mario López Rico polos seus deseños para as campañas nacionalistas. As voltas que dá a vida, e a política aínda máis: López Rico foise do BNG co denominado Encontro Irmandiño e hai pouco coincidía con Méndez Ferrín na constitución de Anova Irmandade Nacionalista. Neste proxecto participan seica as e os militantes da FPG, da que foi xermolo o PCLN, que se opuxera firmemente cando Xosé Manuel Beiras Torrado xurou a constitución española. Eu non entendo nada, mais xa hai tempo que non entendo nada neste País dos Ananos. Mais hei de estar nalgúns dos seis (si, dixen seis!!!) actos ou manifestacións da esquerda nacionalista neste Día da Patria Galega.

Esta entrada foi publicada en Historia, Política. Garda a ligazón permanente.