Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao


Máis unha vez, este Día da Patria Galega esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950)
Desta volta, tamén reproduzo o poema «A groriosa bandeira» de Gonzalo López Abente, que pertence á terceira parte, intitulada «Guerreira» do libro que deixou inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), escrito entre 1917 e 1922, e que nós recuperamos. Obviamente, tamén se recolle na Poesía Completa de Gonzalo López Abente que vén de publicar a colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente, e que se apresentou nos actos do cincuentenario do seu pasamento.
XII
A GRORIOSA BANDEIRA
Entre os altos petoutos da soberba montana,
c’os fiaños de prata que espallan as auroras
e co-as brancas folerpas das neves voadoras,
unha tea impalpabre, cal hábil tecelana,
fabricóu a princesa mais garrida e galana
no calado apouvigo das madrugueiras horas;
e aquela tea foi, nas suas mans creadoras,
inmaculado símbolo da Terra soberana.
Estendéu a brancura d’aquel lenzo grorioso
baixo o doce agarimo do día lumioso,
estreitouno un instante contra o turxente seo,
ergueuno, douno ao vento, e fíxose a bandeira
da Patria, despois que houbo cruzádoa lixeira,
d’unha banda a outra banda, c’un anaco de ceo.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Manifestos, Memoria Literaria, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.