«Negación de Ulises e Teseo», un poema nas partituras de Miguel Brotóns





(Premer dúas veces nas imaxes para unha mellor lectura)
Estes días recibín as partituras do compositor Miguel Brotóns que fan parte dun fermoso proxecto para lle compoñer música culta ás letras de varios poetas galegos, entre os que está o meu poema “Negación de Ulises e Teseo”, do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998). Malfadadamente non sei ler música, habelencia da que non estou dotado nin por educación nin por talento, e que sempre había ser do meu agrado, mais abonda con ollar estas notas a acompañar os meus versos para sentir certa emoción.
Xa contei aquí mesmo a posta en marcha desta iniciativa do Consello da Cultura Galega que se vai presentar o próximo día 10 de maio ás 17:00 na sé da entidade (ubicada no compostelán Pazo de Raxoi). No acto intervirá o presidente do Consello, Ramón Villares Paz, ao que seguirá unha conferencia sobre a Asociación Galega de Compositores e un breve concerto de piano, para rematar coa presentación do libro-audio de poemas musicados aos asistentes ao acto. Non poderei concorrer debido aos meus labores profesionais que me terán ocupado aínda nesa hora, mais convídovos a que fagades presenza. Ha ser cousa boa, de certo.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.