«Navegacións poéticas» para a pintura de Nolo Suárez


(De esquerda a dereita, eu, Ramiro Vidal Alvarinho, Modesto Fraga a recitar os seus poemas, Rivadulla Corcón e o pintor Nolo Suárez. Fotografía de Alba. Premer nela para agrandar o tamaño)
A imaxe é da tardiña do pasado venres, 22 de xuño, na celebración dun recital denominado «Navegacións poéticas» e nela estamos a ler versos sobre o mar como actividade paralela da exposición pictórica «Miradas mariñas» do amigo artista Nolo Suárez. Aconteceu na coruñesa Galería Arte-Imagen (Rúa Ramón y Cajal, 5-baixo), onde os cadros desta serie aínda estarán expostos até o 4 de xullo.
Finalmente só escollín para ler un daqueles dous textos dos que falei aquí e que fan parte do meu último poemario As crebas (Espiral Maior, 2011), pois optei por encetar a miña quenda coa lectura deste magnífico e potente texto intitulado «No mar» de Bretemada de Gonzalo López Abente.
NO MAR
Negra barca, vaite apresa
pol-as ondas azuladas escorrendo,
que o teu dono, co-a alma acesa,
entre o fogo das saudades vai morrendo.
Negra barca, dalle â brisa
a brancura do teu lenzo inmaculado,
e voemos na sorrisa
de cristal do mar salgado.
Negra barca, que escumante
de fervenza brinque a i-auga pol-a prora,
e na popa buligante
fique a liña d’unha serpe bruadora.
Que se afunda mainamente
no azul líquido das ondas da tua banda,
e obedezas ao valente
e arriscado gobernalle que che manda;
que se escoiten os lamentos
dos cuiereles e das bordas,
i-o rexo fungar dos ventos
entre as cordas.
Negra barca, vaite apresa
pol-as ondas azuladas escorrendo,
que o teu dono, co-a alma acesa,
entre o fogo das saudades vai morrendo.
E alá vai a barca miña,
obedente ao meu mandado,
pol-a senda cristaiña
na busca do ben amado.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.