Nas XXII Xornadas de Lingua e Literatura da AS-PG e a CIG-Ensino a próxima fin de semana


As Xornadas de Lingua e Literatura, que actualmente organizan de maneira conxunta a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o sindicato CIG-Ensino, chegan á súa XXII edición. Levo participado como atento e disciplinado discente na práctica totalidade de todas as edicións celebradas (agás dúas ou tres nas que non me cadraban ben as datas), pois adoitan sempre programar seminarios que son do meu interese persoal e/ou profesional.
E nunha ocasión recibín o convite dos organizadores para presentar o relatorio «A retórica nobre de Fermín Bouza Brey», xa que viña de publicar varios artigos sobre o poeta ao que se homenaxeaba no Día das Letras Galegas. Sucedeu nas II Xornadas de Língua e Literatura Galegas celebradas en Santiago de Compostela do 7 ao 9 de maio de 1992 e organizadas pola AS-PG, e o sindicato UTEG (da INTG, antes de se fusionar coa CXTG na actual central CIG) e que tiveran lugar na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB, que así se chamaba naquela altura.
Vinte anos despois, novamente a organización das XXII Xornadas de Lingua e Literatura ofreceume a posibilidade de ocupar unhas das sesións denominada «O autor ou a autora fala da súa obra», coma tamén o fará este ano a poeta Olga Novo. Síntome honrado, e ao tempo responsabilizado, por ocupar ese espazo formativo no que eu propio, como oínte, tiven a oportunidade de escoitar nestes últimos anos a moitas escritoras ou moitos escritores polos que sinto devoción lectora. Malia preferir sempre ocupar o lugar de aplicado discente, espero agora non defraudar as expectativas. En calquera caso, á mesma hora tamén se programan outros seminarios de moito interese. Velaquí a programación das xornadas na páxina da AS-PG e tamén en formato pdf na páxina da CIG-Ensino, onde tamén é posible facer a matrícular no apartado de Formación.
Vémonos, pois, de estardes esta fin de semana pola antiga Maxisterio e agora denominada de maneira máis acaída Facultade de Ciencias da Educación. A conferencia inaugural xa promete moito «Celso Emilio Ferreiro á luz dunha biografía», proferida polo noso amigo Ramón Nicolás Rodríguez, profesor e crítico literario, quen está a piques de publicar en Xerais a máis completa biografía sobre o poeta de Celanova e que, ben seguro, vainos ofrecer unha fervenza de datos aínda descoñecidos e inéditos.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Encontros, Ensaio, Estudos literarios, Infantil, Lingua, Narrativa, Poesía, Premios, Xornadas. Garda a ligazón permanente.