Nace a Plataforma Cidadá para a Defensa do Vilán, contra a ameaza dun laboratorio experimental de Gas Natural-Fenosa

PlataformaVilán
Aínda que as últimas novas falan de pode existir unha recúa,  esta bitácora saúda o nacemento da Plataforma Cidadá para a Defensa do Vilán, cuxo singular espazo natural podería sufrir unha nova agresión medio ambiental coa aprobación do proxecto da Xunta de Galicia para construír un laboratorio experimental a prol da empresa privada Gas Natural-Fenosa. Unha agresión que se vén engadir á existencia nese mesmo espazo natural dunha macro piscifactoría e dun macro parque eólico. Cada vez vou ao cabo con persoas de fóra, moitas de países europeos, sempre se sorprenden e non entenden, non, que unha e outra fosen instaladas nesta paraxe senlleira.
Deseguida reproduzo o manifesto feito público pola Plataforma e despois engado unha mínima antoloxía poética doso nosos autores clásicos a poetizar este espazo natural, aínda que hai outros poetas contemporáneos (Modesto Fraga, eu propio…) que tamén procuraron inspiración neste espazo.
Manifesto
«Comprometidos co futuro da nosa terra, Camarinas.eu vén de poñer en marcha este xoves 12 de febreiro de 2015 unha recollida de firmas en change.org en contra do proxecto da Xunta de Galicia de construir un laboratorio experimental no Espazo Natural de Cabo Vilán a maior gloria dunha empresa privada: Gas Natural-Fenosa. Unha aventura escura da que a cidadanía non coñece nin os seus pormenores nin os seus obxectivos nin por ende, as consecuencias que elo traería aparellado para o veciños e veciñas de Camariñas. Nacida esta iniciativa da web máis vista da historia da Costa da Morte cun obxectivo de chegar ás 100 sinaturas no seu primeiro día, rápidamente chegou ás 300. Por elo, é a hora de continuar dando pasos cara adiante na defensa do patrimonio dos camariñáns e, como continuación lóxica, decidimos constituir unha Plataforma Cidadá en Defensa do Vilán na que todo aquel que queira poñer o seu grao de area para a defensa do noso pode participar. Porque aquí xa ninguén pode confiar nos políticos, é chegada a hora da que os cidadáns tomemos as rendas.
Plataforma Cidadá en Defensa do Vilán #plataformavilan
Bos días. Antes de nada darvos as grazas por asinar esta petición de firmas popular. En pouco máis de 12 horas xa somos caseque 300 firmantes para que se revise o proxecto de Fenosa-Xunta que quere transformar o parque eólico do Vilán (Camariñas) nun laboratorio experimental no que desenvolver proxectos en beneficio da compañía eléctrica. Como saberás esta é unha iniciativa popular dende a web www.camarinas.eu a cal está integrada por redactores e colaboradores que levan traballando desinteresadamente case 8 anos informando obxectivamente aos cidadáns. Somos xente normal, da #costadamorte, coma ti que tenta facer algo polo futuro do seu pobo e seu concello. Por iso queremos que esta campaña de recollida de firmas teña continuidade no tempo e por ese motivo vamos a promover a creación da “Plataforma Cidadá en Defensa do Vilán” que estará formada por calqueira persoa que desexe colaborar nesta. En principio tan só vamos anunciar a posta en marcha desta plataforma cidadá. Nas próximas horas vos informaremos máis desta inicitativa. Se desexas involucrarte activamente neste proxecto non tes máis mandar unha mensaxe ao mail admin@camarinas.eu ou chamar (ou mandar un wassap) 679 871 599».
Antoloxía poética mínima sobre O Vilán
LEMBRANZAS
Eu sinto melancónico consolo,
cando despertan os recordos meus,
vendo a Pena do Paso e o alto Bolo
de Domingo de Deus;
Pedra da Vela, Sala do Perello,
así chamada, porqu’en tempo antigo
contan que d’ese alcume un xastre vello,
para coser, alí buscaba abrigo.
Os montes do Corpiño e o Pequeno,
Furna da Richinola e os Malatos,
onde cando era neno,
xogaba c’os demais aos tumbagatos;
a perigrosa Pedra de Xaviña,
as pedras do Carreiro,
as areas da Cova, Cruz, Esteiro,
e a fonte da Pedriña;
a Pedra d’ abalar tan venerada,
pois da Virxen da Barca o nome ten,
e donde vese á xente arrodillada
que de lonxe a cumprir promesas ven.
A Buitra, que de cote está bruando,
o Vilán, xigantesco penedal
que polo mar esténdese, arredrando
os tombos que lle tira o temporal;
e outras lembranzas máis veñen á mente
cando hai vaga de mar e romper vexo
a Guieira, o Corpiño de Chorente
e a costa de Merexo. (…)
Victorino Abente Lago, de Antología poética 1867-1926, ed. Cándido Samaniego Abente (1984)
O VILÁN
É quizais un xigante poideroso
que ollándonos está,
cun ollo refulxente que alumía
na azul inmensidá…
Ben o vexo, antre a brétoma, alá lonxe,
brilante lostregar;
eu ben vexo antre a brétoma o seu ollo
constante parpadear…
É un cíclope soberbo que alumía
aos que pola auga van,
é un cíclope soberbo que lostrega
no monte do Vilán.
Gonzalo López Abente, en Escumas da ribeira (1911)
NO VILÁN DE FÓRA
Furando pol-o azur cara as outuras,
en busca do ideal,
van as pregarias místicas de pedra
xurdidas dos abismos misteriosos do mar.
Soben a Deus roquedos armoñosos
cantando a eternidá:
notas agudas que a se perder voian
no séo lumioso do ignoto mais alá.
Probes torres das vellas catedrales,
qué pequenas quedás
ante a ruda soberba dos picoutos
que a grandeza coroan do forte penedal!
Mole impoñente de granito duro,
na esquiva soedá
é beixo de milagre que das ondas
erguese ao firmamento pol-a estrada do âr.
E canto sobe cara o ceu radioso
que arela conquistar,
tremando nos refrexos cristaíños,
fano as augas tranquilas ao seu fondo baixar.
Tempro antre dous abismos, a onde soio
van as brancas gaivotas a rezar;
escada de Xacobe que se perde
na fonte que está enriba do ben e mais do mal.
Quén poidera nas áas do teu alento
o infinito cruzar
mergullado no ensoño agarimante
d’un día desfollado na roseira do vrán.
Gonzalo López Abente, en Nemancos (1929)
MONTE DO VILÁN
Hai un ollo refulxente
na cabeza do reptil.
—Serpe que cara oucidente
tumba no mar seu perfil—.
A nuite sai do seu tobo;
o sol voltará mañán
e alumeará de novo
a cóbrega do Vilán.
Bebe na furia do vento
que aos navegantes asedia
e hacha o perciso sustento
nas entranas da traxedia.
Cóbrega sin corazón,
feliz na desgracia allea;
recolle o duro aguillón
que entre as vagas centilea.
Gonzalo López Abente, en Centileos nas ondas (1958)
RESPONSO GALEGO Ô “SERPENT”
parte IV
Na Costa Brava dormen os fillos d-Inglaterra,
os mozos que unha nuite marcháronse pr-ô Alem,
que aluman, câl ciriales, os faros de FISTERRA
e do VILAN, fraternos, vertendo seus ronsels…
Tan sô, de nuite, síntense —dende o VILAN de FORA
deica â “Area 13”—, o canto de REQUIEN,
e o triste DE PROFUNDIS do ÁRTABRO mar que chora
diante do cimiterio dos mortos do “SERPENT”!…
Antón Zapata García, en Galicia, da Federación de Sociedades Gallegas, nº 433, Bos Aires, 15 de setembro de 1935
A CRUS DA ROSA
(Dous fragmentos)
A seirán xa morre… Non sulca unha vela
por diante da costa que Rosiña vê,
e vóltase â vila a noiva sinxela,
vertendo máis bágoas, perdidal-a fé…
Os raios tristeiros das súas olladas
—no lume alcendidos do seu limpo afán—,
vân tras das gaivotas que, en longas bandadas,
diríxense aos fachos do cabo Vilán.
E dí —¡miña xoia!—: Serantes…, Lourido…,
Catasol…, Pedrouso…, Castelo…, Peñón…
(…)
Eisí foron pasando: Sisargas, o Roncudo,
a Insua (Punta Laxe)… ¡Gundar ficaba mudo,
ollando a trangallada que había na cuberta,
baile de xente túrpida âs luces non desperta,
que o mesmo que bailaba sin acougar, abordo,
igual choromicara se o mar fora un balbordo!…
Faro Vilán —vixía, arpón de lus xigante—,
o rexo mar dos ártabros fería, deslumante,
e, lonxe —¡lonxe, aínda!—, ollábase Fisterra,
¡tamén arpón máis forte do mundo e nosa Terra!…
O FARO
(Fragmento)
Diante das crucelladas dos baixíos,
fronte aos cabos, que afían seus penedos
—Touriñáns e Fisterras,
Ortegales, Viláns e Currubedos—,
as túas mans de lus, de longos dedos,
apalpando n-os traitos lonxaníos,
son como acougador cristal dos ríos
pr-âs requeimadas terras
n-as tráxicas sequías
¡As trebas fân fuxir dos fondos medos,
despertando sorrisas e legrías!…
Antón Zapata García, en A Roseira da Soidade (1954)

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.