Na presentación de Universo Pitágoras, de Rocío Leira Castro



(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
A noitiña do sábado 13 de abril celebramos de véspera a República, mais a República Literaria, pois tiven a honra e o pracer de acompañar á prolífica escritora, aínda inédita até daquela, Rocío Leira Castro (A Pereiriña, Cee, 1979) na presentación da súa opera prima individual: a narración xuvenil Universo Pitágoras, que editou Biblos Clube de Lectura, con ilustracións de Xosé Tomás.
O acto presentouno o editor literario e tamén escritor Tucho Calvo quen relatou a chegada do orixinal ás súas mans e o interese que lle suscitou o texto e a bagaxe da súa autora.
Deseguida eu propio sinalei que era un día de gozo e celebración da lectura, polo nacemento dun libro que era opera prima (mesmo lembrei a miña primeira obra, o poemario Ausencias pretéritas (Espiral maior, 1992), alén de parabenizar á editora Biblos clube de lectura por estar a medrar o seu ritmo de publicacións neste tempo de crise editorial. Lembrei a formación matemática da autora Rocío Leira Castro, tan pouco usual na nosa literatura, aínda que fixen mención do poeta, narrador e ensaísta Vítor Vaqueiro (agora envorcado no mundo da fotografía) ou do meu amigo, o narrador Xosé Manuel Lobato. Porén, engadín que no ámbito científico tiñamos moitas autoras e autores, nomeadamente na Bioloxía ou nas Ciencias da Natureza, salientando a Marilar Aleixandre, de forte vínculo coa parroquia ceense de Toba, como recoñece aquí.
Finalmente, fixen unha análise da narración Universo Pitágoras, «un libro embruxado hai uns anos por un vello e feo trasgo matemático» como se di nun dos primeiros parágrafos. Falei do xogo literario que converte a historia de Xiana, unha rapaza que non era capaz de prender no sono por mor de que non podía sacar da cabeza o exame de matemáticas que ía ter, nun puzzle narrativo que se nos convida a resolver como lectores/as, sempre através da resolución dunha adivuiña matemática que se sitúa ao final de cada capítulo.
Salientei tamén que este libro de aventuras e viaxes fantásticas, con protagonistas do mundo real e do irreal, tiña tamén valores de carácter formativo, maormente pola presenza dos divertidos xogos matemáticos. Ou pola aparición dos números capicúas, dos núemros pares, dos númros primos, dos números cadrados ou dos códigos binarios, mais tamén dalgúns paradoxos lingüísticos. En definitiva, unha interesante e suxestiva lectura xuvenil, mais tamén para todas as idades, co ánimo de desprexuizar a aridez coa que se adoita falar das matemáticas.
Por parte, Rocío Leira Castro lembrou a grandes autores da literatura mundial que foron matemáticos, coma Lewis Carroll, o autor de Alicia no país das marabillas (Tradución galega de Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro), ou o poeta chileno Nicanor Parra, entre outros. Fixo un percorrido pola súa formación literaria, malia a súa paixón matemática, e penetrou nas páxinas do seu Universo Pitágoras.
Un cento de persoas estiveron no salón de actos do Concello de Cee para acompañar á autora na presentación da súa opera prima e moitas foron as que agardaron até o remate para levaren o seu libro asinado.

Esta entrada foi publicada en Infantil, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.