Na presentación da 2ª edición de Costa do Solpor, a novela de Xosé Mª Lema Suárez

Lema26-03-15(1)
Lema26-03-15(2)
(Capturas de imaxes realizadas con dispositivo móbil. Premer para agrandar o tamaño)
Onte, na compostelá Libraría Pedreira, fixen parte do público que acompañou a Xosé Mª Lema Suárez na presentación da 2ª edición da súa novela Costa do Solpor (Xerais), que recentemente recibiuo recoñecemento á mellor obra na modalidade de Creación Literaria da Fundación Premios da Critica Galicia, da que o xurado salientou que «asume diversos modelos narrativos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar».
Máis unha vez, o amigo Xosé Mª Lema Suárez debullou nunha amena e interesante intervención os antecedentes da novela, que se sitúan na coñecida obra intitulada A illa do tesouro, de Robert Louis Stevenson, e na que o escritor escocés deixou un portelo aberto ao final. Falounos de como este portelo xa foi continuado por algúns escritores e de que así tamén naceu Costa do Solpor, ao imaxinar que a tripulación no seu regreso a Bristol tivese novas aventuras e percances na costa atlántica galega que naquela altura non se podía denominar Costa da Morte, topónimo de pouco máis dun cento de anos e xurdido no xornalismo. Tamén deitou moita información sobre o escritor escocés Robert Louis Stevenson e a súa familia de fareiros, que serviu para falar da aparición destas estruturas arquitectónicas na nosa costa, décadas despois de que xa se construíran a centos nas costas británicas.
E deseguida debullou os itinerarios e os personaxes principais da súa propia novela, anunciando que a páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de publicar a «Ruta Costa do Solpor», que se vén sumar a outros tres roteiros da zona xa existentes neste sitio: a «Rota pondaliana» (de Manuel Ferreiro), a «Costa da Morte» (de Francisco Fernández Naval) e «Fisterra» (de Modesto Fraga). Pódese acceder a ela de balde nesta ligazón e tamén desde a propia bitácora persoal de Xosé Mª Lema Suárez, tamén denominada costadosolpor.
Non vou sinalar polo miúdo unha información que a xenerosidade de Xosé Mª Lema Suárez puxo ao dispór de todo o lectorado da novela e do público en xeral, pois velaí está para quen queira debruzarse sobre ela, mais direi para dar cabo a esta anotación que as persoas presentes no acto acollimos con ledicia a posibilidade suxerida polo autor de que en breve o Seminario de Estudos Comarcais (SemEsCom) podería argallar unha xeira para facer o roteiro e contribuír á súa divulgación.
Ogallá a profecía se faga realidade e poidamos acompañar ao amigo Xosé Mª Lema Suárez polos espazos naturais e os escenarios nos que transcorre a súa excelente novela de aventuras Costa do Solpor, que agora chega á súa 2ª edición, todo un fito para a literatura da Costa da Morte.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lendas e mitos, Narrativa, Presentacións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.