Na páxina do Arquivo da Emigración Galega


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño da portada)
O Consello da Cultura Galega vén de anunciar na súa páxina culturagalega.org que está a renovar o web do Arquivo da Emigración Galega, «co obxectivo de mellorar o acceso aos contidos sobre emigración en todos os seus ámbitos, facilitando a visualización dos recursos e mellorando o seu acceso. O web do Arquivo incorporará en breve moito máis material dixitalizado sobre o fenómeno da emigración galega».
A nova é ben importante porque facilita a consulta e o estudo en liña de moitos materiais fundamentais para coñecermos a nosa emigración, en particular a transoceánica a América de finais do século XIX e primeiras décadas do XX, período que desangrou a nosa sociedade e que xerou na diáspora unha constelación de asociacións e entidades que desenvolveron un inmenso labor cultural e societario.
Todo este mundo non me é alleo, pois moita desa información manexeina de man propia en moitas hemerotecas (entre ellas a do propio Arquivo da Emigración Galega, onde fun tratado de maneira exquisita) cando está a elaborar a miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, dirixida polo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado por Edicións do Castro (1998).  E tamén para a miña Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida polo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. De acceso libre na rede en varios lugares, como poesiagalega.org, tamén deu pé ao libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).
Froito destes dous traballos académicos, colaborei con senllos artigos na revista Estudos migratorios. En concreto do primeiro publiquei o artigo, que se pode ler neste pdf, «Xervasio Paz Lestón (1898-1977), un poeta galego na emigración arxentina» en Estudios migratorios. N. 5 (xuño 1998). [ISSN 1136-0291]. 139-176. E do segundo, que non se dispoñibilizou aínda na rede, o artigo «Saudade e emigración na poesía de Antón Zapata García» en Estudios migratorios. Vol. II. N. 1 (2009). 2010. [ISSN 1889-9609]. 167-190.
De quitado destes estudos sobre poetas emigrados á Arxentina, na páxina do Consello da Cultura Galega tamén se pode baixar un pdf co volume Guerra civil e literatura galega (1936-1939). Textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate [Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 1999. ISBN 84-95415-00-3]. Coedición con Xesús Alonso Montero.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.