Na Feira do Libro de… Zicosur Antofagasta (Chile)


(Velaquí un dos videos realizados na FILZIC, Feira do Libro de Zicosur Antofagasta)
Non son programador nin xestor cultural, mais as nosas Feiras do Libro precisan dunha urxente redefinición que non dá chegado. O venres principiaba a Feira do Libro de Compostela, co pregón «Un brinco na orella» do escritor Víctor F. Freixanes, e con menos casetas de libros ca nunca. Está en crise a lectura? Está en crise o libro en formato papel? Están en crise as Feiras? Se no noso País existe unha Mesa do Libro e da Lectura (seica si, mais que non se xunta porque non quere a Consellaría de Cultura da nosa Xunta), debería estudar e planificar accións para desenvolver a lectura e o libro. Ora ben, os libreiros tamén terán que poñer algo da súa parte e seren máis profesionais. Paréceme vergoñento que na web da Federación de Libreiros de Galicia nin sequera se poida atopar o programa da actual XXXI Feira do Libro de Compostela, para o que tiven que recorrer a algúns medios informativos coma o dixital Galicia Hoxe. E foi cando procuraba na rede ese programa cultural cando batín de casualidade coa FILZIC, Feira do Libro de Zicosur Antofagasta (Chile), da que moito deberían aprender os nosos profesionais. Tan difícil é poñer a andar unha páxina propia de cada feira? Así o fan os chilenos, con información puntual das actividade e dos expositores, con cumprida información sobre as autoras e os autores e os libros que se presentan e moita cousa máis que non detallarei polo miúdo. Alén diso, a Feira arrequéntase con moitas actividades diversas, dirixidas a todos os públicos, que non esquecen o cinema e a música, sempre que teñan relación co feito literario e que son recollidas mesmo nun espazo propio na canle youtube.
Antofagasta triplica en poboación a Compostela, certo é, ben o sei, mais non é esta cidade nosa un fervedoiro universitario que chega até case corenta mil estudantes para os que se poderían artellar tamén actividades específicas? Queremos crear lectores para o futuro? Ou só queremos laiarnos de que as vendas baixan até o trinta por cento con respecto ao pasado ano?
Algunhas destas respostas mesmo se poden atopar na declaración de principios dos organizadores da Feira do Libro de Zicosur Antofagasta, aquí nesta ligazón. Non é doada a coxuntura actual, mais aínda é posible facer moita cousa a prol da lectura e dos libros.

Esta entrada foi publicada en Encontros, Presentacións. Garda a ligazón permanente.