Na casa de Xosé Neira Vilas escoitando as súas lembranzas arxentinas e cubanas, coa voz de fondo de Nicolás Guillén


(Nicolás Guillén le o seu poema «Arte Poética». Fonte: http://www.haylibros.com/Home.aspx)
As primeiras horas desta tarde foron de roteiro literario pois o amigo narrador Xosé Manuel Lobato argallou unha visita ao escritor Xosé Neira Vilas na súa casa sen a planificarmos de antemán. Houbo sorte e Pepe recibiunos coa súa habitual hospitalidade. Na escasa hora que estivemos parolando falounos do seu novo proxecto literario no que vai contar os seus anos de Cuba, dixo que viña de rematar o capítulo dedicado a Ernesto “Che” Guevara e que agora estaba a escribir as páxinas da súa relación co poeta Nicolás Guillén, ao que coñeceron a finada Anisia Miranda e mais el cando Guillén foi acollido en Buenos Aires. Eran os anos da editorial “Follas Novas“. E lembrounos como o poeta cubano leu na súa casa de viva voz un dos seus libros aínda inédito, que ía ser publicado naquela altura. Nese momento agasallounos coa escoita dun disco, que lle remasterizaron no Consello da Cultura Galega, onde o cubano le os seus versos, sen declamación e con voz potente. O audio resultou unha boa descuberta. Fíxenlle saber que os primeiros poemas que eu lera do poeta foran os Trintenove poemas de Nicolás Guillén da súa tradución publicada pola desaparecida Edicións do Castro, do chorado Isaac Díaz Pardo. Aínda que non me era estraño pois aos meus dezasete xa escoitara centos de veces aquel disco de Pablo Milanés, Canta a Nicolás Guillén (1975, reeditado en varias ocasións), que me gravaron nunha casete.
Escoitamos máis unha vez algúns episodios das súas vivencias bonaerenses, e a min lembroume como coñecera ao poeta Xervasio Paz Lestón e moito menos, só unha vez, recordaba ter coincidido con Antón Zapata García. Disto xa tiñamos falado cando o entrevistei tanto na elaboración da miña Tese de Licenciatura coma na posterior Tese de Doutoramento. Tamén me deu recordos para o meu irmán Rafa Vilar con quen falara o pasado ano por gañar o VI Premio Arume de Poesía para Nenos, que convoca a Fundación Neira Vilas e cuxa publicación está próxima. Rafa presentou a obra Patente de corso (pequeno dicionario pirata), que vai editar Émbora, onde o propio Neira Vilas publicou recentemente Xénese do Himno Galego. E falamos da libraría que o poeta Modesto Fraga pensa abrir na vila de Arteixo.
Isto último levounos a falar da comercialización dos libros na actualidade, do díficil que está o mercado editorial, mais deseguida a conversa xirou arredor do suceso que está a ter o libro Esperando o leiteiro e retrucoulle a Lobato dicindo que coas Memorias dun neno labrego só compartía a atmosfera, que o personaxe pretendía ser diferente e non só un correlato temporal do Balbino coma a maioría da xente cre.
E falamos dos proxectos que andaba bosquexar, como unha novela arredor dun emigrante galego a Cuba e os sete pecados capitais, mais dixo que a cousa aínda estaba verde xa que se centrara en rematar o libro memorialístico sobre os anos cubanos.
Sobre estes e outros temas xirou a roda da conversa amable. As súas obrigas e as nosas aconsellaron poñer remate á conversa coa promesa de retornar calquera día polas terras de Gres. E ha ser un pracer, como subliñou Xosé Manuel Lobato.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Historia, Narrativa, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.