Na bitácora Caderno da crítica de Ramón Nicolás


(Premer na imaxe para unha mellor lectura)
Esta breve anotación é para devolver, acrecentado, o meu agradecemento a esa bitácora amiga que sigo decote e que recomendo vivamente: Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, autor tamén dunha importante obra de ensaios e estudos literarios e que está de actualidade por esa magna (en todos os sentidos) biografía intelectual de Celso Emilio Ferreiro que vén de se publicar en Xerais con esa fermosa paráfrase no seu título: Onde o mundo se chama Celso Emilio.
Na bitácora Caderno da crítica hai unha categoría ou sección de indubidable interese que se denomina «Manuscritos» e que desta volta acolle un texto da miña propia “manufactura” (que xa eu adiantara nesta casa). Deseguida reproduzo a introdución que escribe Ramón Nicolás e que pode ler nesta ligazón:
Manuscritos: Miro Villar
Asómase hoxe a esta sección Miro Villar, a quen sigo con interese e devoción, desde hai ben anos, como poeta, como investigador literario e, abofé, na súa actividade como blogueiro a través desa bitácora imprescindible como é As crebas. Por estas razóns constitúe para min unha satisfacción incorporar un manuscrito poético da súa autoría como é este que se titula «Adán desexa morrer no paraíso de Eva», un suxestivo soneto, en inequívoca clave simbólica e enchoupado de intensa sensualidade. A composición publicouse orixinalmente na antoloxía La altura del vuelo: un libro co que se homenaxeou ao poeta arxentino Hugo Mujica e que coordinou o poeta Alfredo Pérez Alencart. Hoxe nesta bitácora por cortesía do autor.
E tamén reproduzo o poema, que fai parte do meu libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), que un ano antes fora accésit no premio Esquío e logo foi finalista do Premio Tívoli-Europa en 1998, unha iniciativa do malogrado e chorado profesor Filippo Bettini.
ADÁN DESEXA MORRER NO PARAÍSO DE EVA
Na laranxa que filtran os teus brazos
cando me fas entrar no teu dominio,
nos peros onde enauga o meu designio
oculto como o mar e os seus argazos,
nas mazás do pecado, nos abrazos,
degoiro ser Adán, sen raciocinio,
no pexego zugado en condominio,
desexo ata morrer coma pedrazos,
no líquido azucrado que me dás,
que bebo pouco a pouco, con agrado
pois acórdame o odor dunha begonia,
na laranxa, nos peros, nas mazás,
no pexego e no líquido azucrado
degoiro o teu sabor de macedonia.

Esta entrada foi publicada en Manuscritos, Poesía. Garda a ligazón permanente.