Mollándonos polo Monte Pindo Parque Natural



(A primeira imaxe está tirada deste álbum de fotos da asociación ecoloxista ADEGA e a segunda é de elaboración propia con dispositivo móvil. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O pasado sábado, 28 de setembro, estivemos na marcha polo Monte Pindo Parque Natural, nunha xornada na que nos acompañou na subida moita chuvia con vento do suroeste na subida.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural artellou un dobre percorrido, pois a última hora foi suspendida a saída prevista desde o lugar do Fieiro (Mazaricos). Deste xeito, con bastante puntualidade sobre a hora prevista (as once da mañá) máis ou menos de maneira simultánea saíron dúas columnas de persoas a desafiaren as adversas condicións climatolóxicas. A máis numerosa partiu desde a Praza da Solaina d’O Pindo e a segunda desde Caldebarcos, que tivo o apoio da Comunidade de Montes desta localidade. Ambas e dúas deron en confluír no denominado Chan das Lamas, nunha tregua da chuvia, para facermos un descenso conxunto pola aba sur do monte e rematando ao pé da aldea turística de San Cibrán.
Nós fixemos parte da columna que saíu desde Caldebarcos, que dirixía o actor César Cambeiro, natural do lugar, quen nos foi explicando algunha cousa sobre o terreo, toponimia, tradicións…, mesmo co seu humor habitual, e ao berro de Pedreghal, Parque Natural!, pois desta banda do Monte Pindo ao macizo chámaselle O Pedreghal. Nós fixemos uso dun camiño natural, que era o utilizado antes de existiren as estradas para comunicar Caldebarcos co Pindo, Ézaro ou Cee, en palabras de César, antigamente para o troco de mercadorías.
A columna que viña desde O Pindo subiu cara ao monte facendo uso dunha pista forestal que sobe desde o porto de Quilmas (a carón do cemiterio do Pindo). A organización, con excelente criterio, tomara a decisión de modificar o percorrido desta marcha para non rematar no cumio do Monte Pindo (a Laxe da Moa), como estaba previsto, co obxecto de respectar, e así de fixo, as zonas queimadas. Por certo, unha paisaxe lunar que nos acompañou en todo o percorrido.
No remate, o medio cento de persoas que nos xuntamos ao pé de San Cibrán escoitamos a benvida do secretario de Monte Pindo Parque Natural, Mario Maceiras, e logo o seu presidente, Xilberto Caamaño Beiro, deu lectura a un comunicado que asinaban unha chea de organizacións, para rematarmos ao berro de Monte Pindo Parque Natural!
E nós aceptamos o convite para nos manifestar tamén o vindeiro domingo 6 de outubro ao mediodía desde a Alameda de Compostela co lema Por una Galiza sen Lumes! Por un rural con futuro!

Esta entrada foi publicada en Historia, Lendas e mitos, Manifestos, Poesía, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.