«Moitas culturas, unha historia», de Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi, mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil en versión de Antía Marante e Sabela González

DiaInternacionalLIX2015
(O cartaz é da autoría da ilustradora Nasim Abaeian. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A revista infanto-xuvenil dixital criaturas reproduce aquí o fermoso e poético texto intitulado «Moitas culturas, unha historia», de Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi, a mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2015, que chaman a conmemorar anualmente desde o IBBY (International Board on Books for Young people / Consello Internacional sobre Literatura para as/os Xoves) e que tamén se divulga desde a OEPLI, para conmemorar cada día 2 de abril, coincidindo coa data do natalicio (xa 210 anos) do escritor dinamarquês Hans Christian Andersen.
O texto vén acompañado do cartaz da ilustradora Nasim Abaeian, tamén dos Emiratos Árabes Unidos como a escritora, xa que este ano o seu País e a súa literatura foron os escollidos para a celebración desta efeméride.
A versión na nosa lingua é da autoría de Antía Marante e Sabela González. Deseguida reproduzo o texto, que tamén se pode ler en inglés nesta ligazón e na nosa lingua aquí mesmo.
Moitas culturas, unha historia
«Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia».

Esta entrada foi publicada en Contos, Efemérides, Infantil, Narrativa, Poesía, Teatro, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.