Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2025

ATILA”

Tanque de gasolina na man, con esa maxia

que fai do combustible un líquido amniótico,

o mariñeiro observa como a embarcación

se converte decote nun incipiente embrión,

símbolo de futuro, sinal de vida nova.

De Gameleiros (2002)

Estamos a lle poñer o ramo a este ano que, máis unha vez, andou entre as luces e as sombras.

Precisamos aínda máis os abrazos cálidos, a comprensión e a paz e menos as armas xenocidas.

E todos os desazos deviren azos de esperanza.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2025 que se achega para ti e a túa xente!

* Tamén para lembrar a Henrique Harguindey (guindeira no seu correo electrónico) que nos deixou días atrás e do que reproduzo uns versos do Coro de “Nabucco” (Letra: Temistocle Solera / Música: Giuseppe Verdi), tirados da inmensa listaxe de traducións do seu sitio web http://palabrasdesconxeladas.gal/.

Vai axiña, sobre azas douradas,

pensamento, pousarte nos outeiros,

ao recendo dos moles, morneiros,

aires doces do meu chan natal.

* E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002). Sirva tamén para recomendar vivamente o seu novo Piueiro. Caderno da tripulación (Alvarellos, 2024), álbum fotográfico ao que acompañan os versos de Marta Dacosta.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta