«CARIOCA»
No contorno das rías e dos mares nocturnos,
como insólito Kafka, nace a metamorfose
do mariñeiro insecto, co seu fanal aceso
nas costas, vagalume que aínda se sorprende
cando a luzada bate nos seus ollos acuosos.
De Gameleiros (2002)
Estamos a lle poñer o ramo a este ano que, máis unha vez, andou entre as luces e as sombras.
Precisamos máis os abrazos cálidos, a comprensión e a paz e menos as armas do xenocidio.
E todos os desazos deviren azos de esperanza.
Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2024 que se achega para ti e a túa xente!
*E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002). Sirva tamén para honrar a memoria de dous deses mariñeiros finados este ano, en xullo Manuel Lomba Fernández Carioca e en agosto Jesús Martínez González Pólvera.
Tamén para todas as vítimas gazatís, co desacougante número de crianzas, para os que acompaño os derradeiros versos de Hiba Abu Nada, unha das poetas masacradas polo sionismo.
A noite na cidade é escura, excepto polo brillo dos mísiles,
silenciosa, excepto polo son do bombardeo,
aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración,
negra, excepto pola luz dos mártires.