“GOLI”
Non é posible o caos nin a confusión ebria.
No aparente envurullo, brazolada de tanza,
aniña o fío fértil do amor dunha Ariadna.
Nunca esquezas a oferta que sempre che permite
saír do labirinto das augas para a vida.
De Gameleiros (2002).
Estamos a piques de lle poñer o ramo a este ano que, máis unha vez, trouxo novas doces e outras de máis amargor.
A pandemia do virus mudounos a pel e o sorriso, roubounos os abrazos e fíxonos (re)inventar maneiras de nos escoitar.
Outro virus pandémico, o neofascismo insolidario e xenófobo, inzou sen lle atoparmos vacina.
Porén cómpre saír(mos) do labirinto das augas lamacentas para a vida.
E todos os desazos que houber teñen que mudar en azos de esperanza no futuro.
Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2021 que se achega para ti e a túa xente!
*E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña ese poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002).