Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2019


“TARITO”

O mariñeiro, escravo do mar, é o gladiador
de hoxe, pelexa en circos de argazo, anfiteatros
son os acantilados e o César é Neptuno.
O seu combate é sempre desigual contra a morte
por máis que no seu peito lle medre unha man branca.

Estamos a piques de lle poñer o ramo a este ano que, coma adoito, mesturou momentos doces e outros amargos.

Escribiu o poeta Manuel María “foi en Foz onde descubrín que o mar é moi grande e o home moi pequeno e que hai moita desproporción entre ambos” e acontecementos lutuosos recentes dan testemuña desa loita desigual que tamén inspirou o poema.

Nesta nosa vella nación milenaria continúa o abandono e o despoboamento do rural e a nosa cultura e a nosa lingua sofren agresións e o desleixo de quen ten o poder político para as subverter. Mesmo a edición de libros en galego baixou nunha enorme porcentaxe.

Na sociedade contemporánea inzan as malas herbas da insolidariedade, a xenofobia e o machismo e neste estado que habitamos medra a Vox neofranquista, ao tempo que non se recoñece o exercicio do dereito de autodeterminación dos pobos e continúan en devalo as seculares conquistas dos nosos dereitos civís, democráticos e sociais.

Porén os desazos que houber teñen que mudar en azos para erguer a esperanza no vindeiro ano.

Moita saúde, moita poesía e moita felicidade neste 2019 que se achega para ti e a túa xente!

E máis unha vez botei man dunha fotografía de Manuel Álvarez que acompaña este poema do libro descatalogado Gameleiros (Xerais, 2002).

Esta entrada foi publicada en Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta