#mobilizaRosalía Os textos da antoloxía Poetas con Rosalía II

RosalíaFragmentoMonumento
E máis atrás no tempo, no ano 2007 fun convidado pola poeta Helena Villar Janeiro, daquela aínda presidenta da Fundación Rosalía de Castro a participar no volume Poetas con Rosalía II, que se rematou de imprentar o 15 de xullo dese ano, no 122 aniversario do pasamento da autora. Neste volume inclúense poemas de Federico García LorcaAvelino Abuín de TembraMarica Campo, o brasileiro Henrique Marques SamynAntía OteroChus PatoVíctor Campio PereiraDaniel SalgadoMarifé Santiago BolañosXosé Vázquez Pintor e a quebequesa Nicole Brossard.
Pola miña banda acheguei dous sonetos de Equinoccio de primavera (Esquío, 1998) que teñen evidente intertextualidade coa nosa Poeta. No libro levan os títulos “Ecos (II)” e “Saudade (II), que desta volta mudei un pouco. Velaquí:
Bolboretas das poetas
Ana Istarú trouxeches, despois de Iris Zavala,
en flores de palabras, en flores de papel,
que rebentaron antes de acougaren no andel,
debuxando violetas nas paredes da sala.
E María Mariño, dinamitando a fala,
baixou dos taboleiros e abrazou o ronsel
dos versos novos, frescos coma irto caravel
ou delicado encaixe que se garda na tala.
Cos ecos do balbordo descendeu Rosalía
canda Xohana Torres no seu tempo de ría,
e logo Itxaro Borda, Marta Pesarrodona
e outras escritoras, con tal algarabía
que ocuparon os versos da miña poesía
ornando a súa tona de inmerecida sona.
Saudades
Moitos días na ponte do Sarela
vexo partir o río e sei que o Sar
trouxo a voz e a nostalxia do alto mar.
Algúns días eu son, en Compostela,
ese río a querer rachar a trela
que me amarra na pedra e desaugar
reverberando o sol crepuscular
coma se fose o vidro da xanela.
Tamén hai días cálidos, de area
nos pés, nos que contemplo que a marea
devala, regresando. Poderosa
debe ser a chamada que a convoca.
Tamén hai algúns días que me toca
ser marea que volve a ti saudosa.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Fotografía, Poesía. Garda a ligazón permanente.