#mobilizaRosalia O poema «Cando penso que te fuches…» (ou «Negra sombra») inspirou o conto rimado A pantasma da casa da Matanza

CapaPantasma
PantasmaCasaMatanza01
PantasmaCasaMatanza02
PantasmaCasaMatanza03
(Reprodución da capa e das primeiras páxinas do libro. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño e posibilitar unha mellor lectura)
O conto rimado da miña autoría A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con magníficas e suxestivas ilustracións de Xosé Cobas, dialoga co poema «Cando penso que te fuches…», adoito coñecido como «Negra sombra», publicado por Rosalía de Castro no seu segundo libro de poemas na nosa lingua intitulado Follas Novas (1880) e está incluído na súa segunda parte «Do íntimo».
Esta proposta de conto rimado, que no remate tamén reproduce o poema rosaliano, trátase dun texto revisado, como xa se contou aquí, ao se converter nunha edición singular na que sobrancean as ilustracións de Xosé Cobas. Antes tivera unha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo intitulado Quen casa ten de seu, que se rematou de imprimir o 24 de febreiro do 2009, día do 172 aniversario do nacemento da Poeta, cuxas primeiras estrofas reproduzo deseguida:
A PANTASMA DA CASA DA MATANZA
É bo ter unha casa, dixen daquela,
porque é poeta abril
e canda as chuvias, canda as margaridas
chegarán as palabras.
«A casa dos poemas», Nas hedras da clepsidra
HELENA VILLAR JANEIRO
Moito xa se falou de min, malvados
e atravesados foron os comentos;
mais, queiran ou non, andan ben errados.
Estade, meus amigos, ben atentos
e escoitade esta historia ben sentados.
Voume antes presentar, pois educada
e cortés hai que ser. Isto primeiro
cómpre saber facer antes de nada.
Eu son a Negra Sombra. Eu non cheiro.
Sonvos como a dozura da almofada.
Coñecín moitos mundos, mais un día
quixen quedar na casa da Matanza,
porque aquí coñecín a Rosalía.
Devezo pola música e a danza
e fascíname o son da poesía.
Co recendo dos figos da figueira
olleina escribir versos nesa fiestra,
aproveitando a luz nesa cadeira.
E lía en alta voz coma unha mestra,
verso a verso, a estrofa toda enteira.
Escoiteina reler os seus Cantares
e os versos repasar de Follas Novas.
Eu corría detrás dos seus andares
na busca de palabras, vía as probas,
collía unhas, deixaba as máis vulgares.
Rosalía aprendeume devagar
os segredos da escrita do poema:
unha sílaba aguda vai sumar,
a esdrúxula restar, pensar bo tema
e nun branco papel todo apuntar.
(…)

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Efemérides, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.