#mobilizaRosalía A antoloxía 150 Cantares para Rosalía de Castro en descarga de balde

150Cantares(1)
150Cantares(2)
150Cantares(3)
E tamén hoxe, hai un ano, nesta mesma data de aniversario do natalicio de Rosalía de Castro, viu a luz coordinado polo poeta Suso Díaz un libro colectivo que glosou os seus Cantares Gallegos. O volume converteuse nunha publicación dixital de libre descarga, en formato pdf, que se atopa hospedada na páxina da Fundación Rosalía de Castro. A colectánea está formada por 150 poemas e 151 poetas, 15 ilustracións de 16 artístas plásticos, introducidos por un prefacio de Ramón Nicolás e un limiar de Mercedes Queixas Zas.
Nas imaxes reproduzo a portada da publicación dixital e o meu poema, coa ilustración que o acompaña. E deseguida tamén ofrezo o texto:
A música do badalo de Toba
noites craras de luar,
muíño dos castañares,
campaniñas timbradoras
da igrexiña do lugar…
ROSALÍA DE CASTRO
Já ouvi doze vezes dar a hora
no reloxo da igrexa que hai en Toba,
música de badalo que enche a alcoba
e que estará comigo nesta aurora.
Non entendo o porqué desta demora,
de non saber de ti nin unha nova
mais non hai deste cuarto quen me mova
nin quero espreguizar polo de agora.
Prefiro apodrentar de sede e fame,
só desexo e cobizo un apetito:
ter o teu corpo espido a carón miña.
Retornar de contado ao lento exame
escoitando o tremor máis inaudito,
trabexando con forza cada liña.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.