Mensaxe de Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO,co do Día Mundial da Poesía, 21 de marzo de 2025 (Versión galega)

(Bernard Binlin Dadié, 1916-2019, poeta marfilés citado na Mensaxe)

Máis unha vez, neste 21 de marzo do 2025, no vinte e seis aniversario do Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da Mensaxe da súa Directora Xeral, Audrey Azoulay. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que nesta data resulta de lectura obrigada. A Mensaxe, que inclúe citacións literarias duns versos do poeta marfilés Bernard Binlin Dadié e unha paráfrase do poeta martiniqués Aimé Césaire. Velaquí.

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, co gallo do Día Mundial da Poesía de 2025 (Versión galega)

A poesía, xa sexa en prosa ou en verso, simbolista, activista ou obxectivista, ten unha tendencia única a facernos percibir de forma diferente o mundo que nos rodea.

Neste Día Mundial da Poesía, a UNESCO celebra o poder da poesía para cuestionar as certezas co fin de permanecer abertos os demais e acoller o mundo en toda a súa diversidade, bases esenciais para construír sociedades pacíficas.

Por iso, a nosa Organización está ao lado dos poetas, para que poidan aproveitar plenamente esta forma literaria e para apoiar a publicación das súas obras. En 2024, por exemplo, celebramos os poetas xamaicanos no marco do primeiro evento Poetry in Bloom, organizado pola Biblioteca Nacional de Xamaica en colaboración coa Oficina da UNESCO para o Caribe. Este acto, no que se presentaron os poetas laureados do país, foi tamén unha oportunidade para salientar a posta en marcha do Arquivo de Poesía de Xamaica, unha colección dixital de poetas que len as súas obras.

No marco dos seus esforzos encamiñados a salvagardar as tradicións vivas, a UNESCO tamén vén de incluír varias formas poéticas na Listaxe Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, como a tradición oral mapoyo da República Bolivariana de Venezuela en 2014, a tradición oral Koogere de Uganda en 2015, o boleiro de Cuba e México, así como o malhun de Marrocos, en 2023.

Ademais de ser unha forma de arte poderosamente viva, a poesía tamén foi, no decorrer dos séculos e en todos os continentes, o medio fundamental que utilizaron as sociedades para escribir a súa historia e preservar a memoria da súa cultura, así como para rexistrar os coñecementos ancestrais. Como ben di o poeta de Costa do Marfil Bernard Binlin Dadié no seu poema “Tu dors” (“Ti dormes”), da colección Hommes de tous les continents (“Homes de todos os continentes”), o poeta é “o vello vigía / que monta garda nas murallas” e ten “nos seus ollos, as auroras dos tempos antigos / E na súa cabeza, a canción dos tempos futuros”. É esa figura intermedia que se encontra na encrucillada dun pasado antigo e un futuro que está por construír.

A UNESCO contribúe así a preservar algúns dos textos poéticos máis emblemáticos da súa época. En 2023, o Codex Manesse, unha colección de poemas líricos medievais alemáns, a colección de manuscritos turcománs de Magtymguly Pyragy e as inscricións en pedra do príncipe de Jalja, Tsogtu Khung-Taiji, que figuran entre os exemplos máis belos da poesía mongólica, veñen de se incorporar ao noso Rexistro da Memoria do Mundo, cuxo obxectivo é salvagardar o patrimonio documental e facelo máis accesible ao público en xeral.

O Día Mundial da Poesía é, pois, unha oportunidade para que cada un de nós se traslade ao corazón vivo de si mesmo e do mundo, parafraseando ao gran poeta e político martiniqués Aimé Césaire, nun xesto de paz á vez interior e universal.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta