Wayne Keon (membro da Primeira Nación Nipissing de Canadá)
Neste 21 de marzo do 2019, no vinte aniversario do Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da Mensaxe da súa Directora Xeral, Audrey Azoulay, aínda que se pode ler en portugués no sitio brasileiro da Unesco. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría. Principia cuns versos de Wayne Keon (membro da Primeira Nación Nipissing de Canadá), do seu fermoso poema “Howlin at the Moon”, que se pode ler na súa totalidade nesta ligazón.
Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, co gallo do Día Mundial da Poesía de 2019 (Versión galega)
colle a lúa
e colle unha estrela
cando non saibas
quen es
pinta a imaxe na túa man
e volve á casa
[…]
colle a lúa
e faina falar
saca a túa alma
faina andar
pinta a imaxe na túa man
e volve á casa
Extracto de “Howlin at the Moon” [Ouveando á lúa] de Wayne Keon
A poesía, en todas as súas formas, é un poderoso instrumento de diálogo e achegamento. É unha expresión íntima que lle abre as portas aos demais, enriquece o diálogo que cataliza todos os progresos humanos e tece lazos entre as culturas.
Hoxe, no 20º aniversario do Día Mundial da Poesía, a UNESCO pon en primeiro plano a poesía indíxena, para celebrarmos o papel singular e poderoso da poesía na loita contra a marxinación e a inxustiza, así como na unión das culturas nun espírito de solidariedade.
“Howlin at the Moon” de Wayne Keon (membro da Primeira Nación Nipissing de Canadá) é un comentario sobre a usurpación da cultura indíxena por outras culturas dominantes. Fala da perda da identidade indíxena debida á súa reinterpretación por forasteiros, por ben intencionados que sexan e, como consecuencia, da confusión do propio autor en canto á súa identidade.
A poesía é importante para a salvagarda de linguas que a miúdo están en perigo de desaparición, así como para a preservación da diversidade lingüística e cultural. A proclamación de 2019 Ano Internacional das Linguas Indíxenas, liderado pola UNESCO, ten por finalidade reafirmar o compromiso da comunidade internacional de axudar os pobos indíxenas a preservaren as súas culturas, os seus coñecementos e os seus dereitos.
Esta proclamación ocorre nun momento no que os pobos indíxenas, as súas linguas e as súas culturas están cada vez máis ameazadas, en particular polo cambio climático e o desenvolvemento industrial.
No marco dos nosos esforzos por salvagardar as tradicións vivas, a UNESCO incluíu diversas formas de poesía na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, como os cantos hudhud de Filipinas, a tradición oral mapoyo de Venezuela, a eshuva, rezos cantados en lingua harákmbut do Perú, e a tradición oral koogere de Uganda.
Cada forma de poesía é única, pero cada unha reflicte a universalidade da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia. ¡Velaquí o poder da Poesía!